Monforte de Lemos, 16 de setembro de 2024. O Concello de Monforte organiza dentro do programa de animación á lectura “Ler conta moito”, en colaboración coa Biblioteca Municipal, unha actividade dirixida a alumnos e alumnas de terceiro de Primaria dos centros educativos da cidade.
Deste xeito, o mañá martes 17 de setembro ás 12:00 horas terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o contacontos titulado “Pepiña Maruxiña quere voar”, a cargo da empresa de ocio e actividades Barafunda. A obra narra as aventuras de Pepiña que no seu afán de voar atopa numerosos animais e aventuras polo seu camiño.
Na actividade participarán todos os cursos de terceiro de primaria dos centros educativos de Monforte.
“O obxectivo deste programa” destaca o Alcalde, José Tomé Roca, “é dar a coñecer e fomentar a lectura entre os alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Monforte”.
Este programa está organizado polo Concello de Monforte e conta co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta.