O Concello de Monforte ilumina de verde a Torre da Homenaxe mañá sábado 21 de setembro no Día Mundial do Alzheimer

Monforte de Lemos, 20 de setembro de 2024.  Como xesto simbólico e en sinal de apoio ás persoas con Alzheimer, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que mañá sábado día 21 de setembro procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor verde con motivo do Día Mundial do Alzheimer.

“Dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de verde a Torre da Homenaxe, pois é unha enfermidade que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. O Alzheimer non só impacta a quen o padece, senón tamén ás súas familias e coidadores e, por extensión, ao conxunto da sociedade”, destaca o Alcalde.

Con motivo de este día, a Confederación Española de Alzheimer y Otras Demencias (CEAFA), lanzan a Campaña "Concellos Solidarios co Alzheimer", proxecto ó que ó Concello de Monforte se adheriu no seu momento, a través do cal edificios e monumentos de toda España se iluminarán de cor verde co fin de mostrar o compromiso na loita contra esta enfermidade e de aumentar a sensibilización e concienciación da sociedade en relación á mesma.

E do mesmo xeito, con este xesto simbólico amosarase o apoio dos concellos a quen loita contra esta enfermidade. O lema escollido para a campaña deste ano é Somos específic@s.

“A cor verde”, indica o rexedor monfortino, “é un símbolo de esperanza e solidariedade na loita contra o Alzheimer. Ao iluminar o Concello de verde enviaremos unha mensaxe de apoio e solidariedade a todas as persoas afectadas por esta enfermidade, así como aos seus familiares e coidadores. Ademais, promoveremos a concienciación sobre a importancia da investigación, o diagnóstico precoz e o apoio ás persoas afectadas polo Alzheimer”.

 

Sobre o Alzheimer

A enfermidade de Alzheimer (EA) é unha causa de demencia, a principal, pero non a única. Tal como describiuna Alois Alzheimer, é unha enfermidade dexenerativa cerebral na que se perden neuronas, prodúcese o acúmulo dunha proteína anormal (amiloide) e mostra lesións características (placas senís e nobelos neurofibrilares).

Ademais dos síntomas relacionados coa perda de capacidade intelectual e funcional, ao longo da evolución da enfermidade aparecen os denominados síntomas conductuais e psicolóxicos da demencia (SCPD).

Existen tres tipos: os trastornos do estado de ánimo (depresión, ansiedade e apatía); a axitación (agresividade, irritabilidade, inquietude, berros e deambular errático); e os síntomas psicóticos (alucinacións visuais, auditivas e delirios). Co tempo, todo iso aboca a unha incapacidade da persoa que padece esta enfermidade.

Segundo datos de CEAFA, en España a cifra elévase a máis de 1.200.000 persoas afectadas, aínda que se estima que realmente padezan a enfermidade unhas 4.800.000 persoas entre quen a padece directamente e os seus familiares coidadores.