TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 12 DE DECEMBRO DE 2024 -MALASOMBRA TEATRO con TESTOSTERONA

O xoves 12 de decembro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a quinta e última das representacións para adultos que a Delegación de Cultura do Concello de Monforte programa no segundo semestre de 2024 na nosa cidade, dentro das actividades da Rede Galega de Teatro e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

A compañía MALASOMBRA presenta TESTOSTERONA obra coa autoría de Sabina Berman, dirixida por Xoque Carbajal e cun elenco artístico conformado por Camila Bossa e Luis Iglesia. O director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dun dos seus dous sub-directores. Un é muller, home o outro. Que influirá nesa decisión?: a capacidade?, o sexo?, a experiencia?, a audacia?, o engano?, a trampa?..

TESTOSTERONA fala de desigualdade laboral; un home e unha muller optan a un posto de máxima responsabilidade  nun medio de comunicación de ámbito nacional; cal dos dous será o elixido e por que?

A autora mexicana Sabina Bernan, proponnos unha reflexión profunda sobre a desigualdade laboral por cuestión de sexo, e faino de maneira que nos sorprenderemos cun sorriso debuxado nos nosos beizos vendo as peripecias destes personaxes. 

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.