O teatro volve a Monforte este xoves 3 de outubro con Último verán en Santa Cristina, da compañía Teatro do Noroeste

Monforte de Lemos, 30 de setembro de 2024. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no segundo semestre do ano 2023, unha vez rematado o programa do Verán Cultural, e co inicio do outono.

Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 3 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Último verán en Santa Cristina, da compañía Teatro do Noroeste, obra escrita, dirixida e adaptada por Eduardo Alonso, e interpretada por Xavier Estévez, Maxo Barjas, Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuela Varela.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

As sensibles e conmovedoras lembranzas dun rapaz que pasa a súa infancia na España franquista.

Último verán en Santa Cristina, conta o acontecido a un rapaz de 12 anos que, no ano 1960, pasa o seu último verán nunha praia preto da cidade na que vive.

Moitos anos despois, cando xa é un home adulto recibe unhas cartas supostamente propiedade da súa nai xa morta e, na lectura destas cartas, rememora o acontecido aquel verán. Como ademais é fillo de militar, o rapaz vive especialmente os acontecementos da sociedade franquista da época: os desfiles na praza da cidade que coinciden coa estancia de Franco no Pazo de Meirás, a poucos quilómetros de onde el veranea.

Entre os seus propios recordos, moi escorados nas lembranzas relacionadas co seu paso de neno a adulto, e as cartas agora coñecidas vai descubrindo a relación da súa propia nai, a muller do militar, cun antigo amigo da xuventude, agora fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda fica activa en Galicia nese ano de 1960.

Para o protagonista, agora un adulto, a lectura das cartas e os recordos non moi precisos que aínda conserva de aqueles anos, dos que pasaron xa máis de trinta, vanlle descubrindo as relacións triangulares da súa nai, o seu pai e o partisano que, inevitablemente, rematarán en traxedia.

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, esta vez dirixida a público infantil e familiar, será Kyoki da compañía Elefante Elegante, que terá lugar o domingo 13 de outubro no Edificio Multiusos ás 18:00 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.