A Tenente de Alcalde inaugura a mostra que se expón no Campo de San Antonio sobre a apertura como museo da Casa de Rosalía de Castro

Monforte de Lemos, 1 de outubro de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, en representación do Alcalde,  José Tomé Roca, acompañada pola deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e os Concelleiros do BNG, Emilio Sánchez e Manuel Luaces, inaugurou na mañá de hoxe a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía”, sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida.

A praza Campo de San Antonio de Monforte acolle dende hoxe e ata o vindeiro 14 de outubro a mostra, con reproducións de documentos, fotografías e textos  que repasan a historia da casa e do esforzo colectivo -de institucións culturais, intelectuais e persoas anónimas- que impulsou a súa apertura como museo en xullo de 1971, con achegas de miles de galegas e galegos, no país e no exilio.

Dende o Concello decidiuse ubicar a exposición nesta praza, debido a que é unha zona de moito tránsito e de fácil acceso.

Neste senso, o Alcalde anima a todos os monfortinos a visitala, e tamén a  todos os centros educativos da cidade, dada a importancia capital que ten a figura de Rosalía de Castro na historia e na cultura de Galicia.

Esta é unha mostra itinerante organizada pola área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ó longo de toda a provincia, e conta coa colaboración do Concello de Monforte.

A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Galicia

A mostra, producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, está formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa. O contido articúlase en seis capítulos diferenciados:

  • A casa e o tren: o porqué da elección da morada.
  • Rosalía na Casa: a escritora vive alí entre 1882 e 1885
  • Unha Casa santuario: as iniciativas da compra entre 1900 e 1940
  • A causa da Casa: Xosé Mosquera e a compra en 1946.
  • O Padroado da Casa: Galeguistas, progresistas e “ben vistos”
  • A Casa de Galicia: Entre 1971 e 1972, ábrese a Casa coas achegas de miles de galegas e galegos.