Monforte de Lemos, 21 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto definitivo das obras de mellora integral da Piscina climatizada municipal. Cabe recordar que o pasado mes de marzo de 2024, o rexedor monfortino presentara o anteproxecto de reforma integral da Piscina municipal de A Pinguela, “unha obra de moita envergadura que terá unha imaxe semellante ao novo Pavillón polideportivo de A Pinguela, para manter a harmonía do entorno”.
Na Xunta de Goberno celebrada hoxe día 21 de outubro, o Alcalde informou da aprobación deste proxecto que foi adxudicada a Construcciones Castro, por un importe de 2.025.720,52€ euros. Neste importe inclúese tanto a elaboración do proxecto, que o Alcalde deu a coñecer hoxe, como a execución da obra.
“Cando rematen as obras, a Piscina municipal de Monforte volverá a abrir totalmente renovada, sendo unha piscina practicamente nova” sinalou o Alcalde “pois as obras van supoñer un cambio absoluto das instalacións, cambiando practicamente todo: a entrada, a cafetería, o ximnasio, as gradas, os vestiarios ou os propios accesos interiores á piscina. Todo elo cunha nova imaxe externa e interna, facendo das novas instalacións unha dotación realmente bonita”.
Cabe recordar que o rexedor monfortino dera a coñecer, o pasado mes de marzo, o proxecto de renovación da Piscina municipal de Monforte, “unha obra de moita envergadura como é facer unha piscina practicamente nova, deixando solo parte da estrutura”. Unha piscina que terá unha imaxe semellante ao novo Pavillón polideportivo de A Pinguela, para manter a harmonía do entorno.
A renovación total da Piscina municipal conta cun investimento millonario, de 2.047.009,42 €, participado polo Consello Superior de Deportes que concedeu unha subvención ó Concello para este fin de 644.882,94€, o que representa o 31,5% do investimento; a Deputación Provincial de Lugo, que aporta, a través dun convenio co Concello, 600.000€, o que supón o 29,3%; e o Concello, que aporta 802.126,48€, o que representa o 39,2%.
Esta importante actuación enmárcase “no meu compromiso como Alcalde é transformar e mellorar o Concello de Monforte e todas e cada unha das súas vertentes, chegando ás parroquias e a todos os barrios, como vimos demostrando coa nosa xestión ao longo destes 9 anos de Goberno, e neste caso mellorando de xeito integral unha infraestrutura deportiva moi utilizada na nosa cidade”.
Neste senso, “unha das zonas da cidade que tivo unha transformación moi positiva é a zona da Pinguela, coa mellora das súas rúas, o novo parque Covas-Pinguela, o novo pavillón de deportes, a mellora de todo o espazo destinado para estacionamento ou as melloras do Campo de Fútbol. Temos, ademais, en proxecto arranxar as pistas de tenis e dotar de iluminación dos estacionamentos”.
“Esta parte da cidade”, subliña o rexedor monfortino, “mellorou moitísimo a súa calidade residencial, pero isto ímolo completar co arranxo integral da Piscina municipal, que igual que ocorreu co pavillón imos facer unha piscina practicamente nova”.
Este anteproxecto de reforma integral da Piscina municipal de A Pinguela, “é unha actuación moi necesaria na que levamos a traballar dende fai moito tempo”, e que vai a dar servicio tanto ó club de natación do municipio, coma ós 1.883 usuarios habituais (1396 abonados e 487 participantes en cursos de natación) cos que actualmente conta esta piscina, “que é o número máis alto de abonados que tivo a piscina ata agora”.
“Logo da reforma”, salientou José Tomé, “os monfortinos e monfortinas contarán cunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”.
INVESTIMENTO MILLONARIO para a nova Piscina municipal
As moitas xestións e moitas viaxes a Madrid levadas a cabo polo Alcalde, van permitir facer un novo investimento millonario, en concreto para a renovación total da Piscina municipal, vanse investir 2.047.009,42 €.
Dentro do orzamento as partidas que supoñen unha maior inversión son as destinadas á climatización (358.567,44€), revestimentos exteriores (163.224,53€), electricidade, iluminación e telecomunicacións (113.335,75€) e albanelaría (107.017,38€).
O desglose do financiamento do proxecto é da seguinte forma:
- O Consello Superior de Deportes acaba de comunicar, ó pasado 12 de marzo, ó Concello a concesión dunha subvención de 644.882,94€, o que representa o 31,5% do investimento.
- A Deputación Provincial de Lugo tamén vai aportar, a través dun convenio co Concello, 600.000€ en 2 anualidades, 300.000€ en 2024 e outros 300.000€ en 2025, o que supón o 29,3%.
- O Concello, pola súa parte, vai aportar 802.126,48€, o que representa o 39,2%.
Neste senso, José Tomé subliñou que “froito da colaboración destas tres administracións, Estado, Deputación e Concello, podemos acometer a mellora da piscina porque a Xunta de Galicia, nin está, nin se lle espera, porque o Secretario Xeral para o Deporte nos dixo que non podía colaborar”.
As obras deron a principios de outubro, co acondicionamento do espazo, e teñen que estar rematadas en setembro de 2025 “porque é o prazo que temos para xustificar as 2 subvencións, a do Consello de Superior de Deportes e a da Deputación Provincial de Lugo, aínda que na realidade estarán rematadas antes do verán”.
ESTADO ACTUAL das instalacións
O edificio da piscina municipal data de 1994, polo tanto ten 30 anos, e sobre ela non se levaron a cabo reformas de mellora de calado dende a súa apertura. Pese a que o seu estado de conservación é aceptable, sen embargo presenta deficiencias propias da súa antigüidade, tanto funcionais como de confort.
O edificio, en xeral, a estrutura, atópase en bo estado de conservación, aínda que esa non é a sensación que pode transmite a usuarios e visitantes. As instalacións están deterioradas e non son funcionais para as necesidades de hoxe, contando nalgúns casos cun equipamento desfasado.
Na pranta baixa, ubicábase un acceso dobre e pouco acolledor, por un lado, dende o interior do polideportivo, e por outro dende o exterior, directamente ós vestiarios. No mesmo senso, as comunicacións interiores entre os distintos espazos son pouco claras.
A piscina conta cunhas dimensións axeitadas para as competicións que se celebran, pero cremos que deben mellorarse as súas condicións polo deterioro dos espazos que a rodean e dos acabados.
Os vestiarios e os aseos son antigos e non están adaptados para persoas con mobilidade reducida.
As gradas, ás que se accede dende a cafetería, tampouco contan con espazos reservados para persoas con mobilidade reducida.
PIARES BÁSICOS DE ACTUACIÓN
Dado o carácter extraordinario da licitación, co obxectivo de cumprir os parámetros das axudas e subvenciones concedidas, son claves no proxecto a mellora da eficiencia enerxética, a inclusión e a sustentabilidade.
-Modernización: O deseño será novidoso e atemporal para dar unha nova imaxe ao edificio, e acorde co deseño do novo Pavillón Polideportivo.
-Dotación deportiva: aumentaremos os espazos auxiliares para mellorar a súa dotación especializada e a experiencia do usuario.
-Dotación para os espectadores: Melloramos os espazos destinados ós espectadores tanto as bancadas, como a cafetería.
-Eficiencia: Melloramos a eficiencia enerxética, tanto a nivel da envolvente térmica do edificio como das instalacións.
-Accesibilidade: Favorecemos a inclusión coa dotación de espazos reservados e servizos para persoas con mobilidade reducida.
-Comunicacións e zonas adicionais: Teremos en conta a relación entre os demais edificios deportivos da contorna, expandindo as zonas de relación e a comunicación interna de todos os edificios deste complexo deportivo.
ACTUACIÓNS DE MELLORA INTEGRAL DA PISCINA MUNICIPAL
“Con este proxecto construtivo estou seguro de que acadaremos unha nova imaxe atractiva e moderna para a piscina municipal, e en consonancia co Pavillón polideportivo anexo, creando sinerxias entre eles para acadar un conxunto de referencia na provincia” destacou o Alcalde de Monforte.
As actuacións interiores irán destinadas a devolver a funcionalidade ás instalacións e a amplialas, para dar servizo á crecente demanda por parte dos usuarios.
A zona do vaso de piscina manterase como está actualmente, ó atoparse, segundo os informes técnicos, en bo estado.
O groso da intervención de mellora céntrase nos espazos que dan servizo á propia piscina.
A entrada desprázase cara á esquina onde confluirá co Pavillón polideportivo, para crear un gran vestíbulo de acceso común a ambos espazos, piscina, e polideportivo.
Este cambio mellorará notablemente a funcionalidade da instalación ó posibilitar ter o control de acceso previo para ambas infraestruturas e proporcionaremos a visitantes e usuarios unha zona agradable e de esparcimento, previa á entrada ó complexo deportivo. Ademais, dotaremos este novo espazo de chan radiante para que nos meses de frío, se poida estar nel con total comodidade.
ORGANIZACIÓN FUNCIONAL DO EDIFICIO
Con este proxecto optimizamos a experiencia dos usuarios da piscina, ampliando o espazo de acceso, como acabo de sinalar, eliminando as circulacións cruzadas e o dobre acceso a vestiarios e a gradas e ximnasio. Esta organización nos permitira separar a usuarios de espectadores.
A reorganización de espazos que se realizará no conxunto do edificio, reordenando a zona de acceso, facendo máis eficientes os percorridos, eliminando as escaleiras que había para subir á cafetería e ampliando os espazos en xeral, fará que consigamos dotar ó edificio dun itinerario accesible ata cada unha das estancias, permitindo a autonomía de calquera persoa que acceda ó mesmo.
Doutra banda, a dimensión da cafetería actualmente está moi por baixo das necesidades do pavillón, e por tanto optimízase aumentando a súa dimensión, trasladándoa á posición que ocupaba o ximnasio e eliminando a entreplanta na que se atopaba.
Esta eliminación da entreplanta permítenos aumentar a superficie de vestiarios baixo ela, e creamos un acceso ós vestiarios de grupos e á grada independiente.
A cafetería que dará servizo tanto á Piscina como ó Pavillón polideportivo, con vistas directas ós vasos, e saída directa ás bancadas reformadas.
A cafetería terá acceso independente desde o hall principal e podería permanecer en funcionamento cando a piscina se atope pechada, dando servizo ó Polideportivo.
Na planta baixa situaremos a recepción e tras esta, dous vestiarios para grupos e un vestiario de persoal, ademais dun despacho para administración. E a ambos lados se situarán o ximnasio e a cafetería.
Os vestiarios centralizaranse e renovaranse, simplificando percorridos e facendo fincapé na separación entre zonas de “pés secos” e “pés húmidos”, de forma que os usuarios da piscina e os do ximnasio ou salas de actividades conflúan neste punto, pero sen mesturarse, o que derivará nunha mellora das condicións hixiénicas e sanitarias.
Na zona de vestiarios, se crean dous vestiarios adaptados que permitirán ós deportistas en cadeira de rodas disfrutar dos mesmos servizos que o resto.
O ximnasio desprazarase á zona sur, ampliando a súa superficie e mellorando a súa funcionalidade.
En canto á zona de gradas, amplíase o seu aforo, co obxectivo de mellorar a experiencia dos espectadores durante os eventos deportivos. Ademais, haberá un novo acceso ás bancadas mediante un corredor que conectará directamente co hall principal do complexo polideportivo.
REFORMA EXTERIOR
Exteriormente, o edificio revestirase cunha “nova pel” a través dun zócalo pétreo que alcanzará a altura das ventás. A mellora da fachada levarase a cabo mediante un Sistema de Illamento Térmico Exterior, o que se coñece como SATE, o cal consiste na aplicación dun illamento térmico apoiado nun soporte principal (neste caso na súa gran maioría cerramento existente) e finalízase cunha capa armada de morteiro e acabado.
Este sistema baséase na concepción de “muro abrigo”, que consiste en colocar esa “nova pel” exterior que evitará as perdas de calor desde o interior cara ó exterior no inverno, e evitará que aumente a temperatura interior polo efecto do sol no verán. Polo tanto,contribuirá de xeito decisivo a mellorar as condicións de aillamento térmico do edificio, necesario para optimizar a eficiencia enerxética do conxunto.
Esta nova fachada caracterizarase polas súas formas redondeadas e curvas, que actualizarán a imaxe do edificio en consonancia coa estética do Pavillón polideportivo que vimos de reformar, para acadar unha imaxe homoxénea de todo o conxunto.
“Con esta actuación externa perseguimos un dobre obxectivo: dar resposta ás necesidades concretas do espazo deportivo e a súa contorna, e converterse nunha nova icona da cidade, cun toque de deseño e modernidade, pero dunha maneira sinxela e elegante” destacou José Tomé.
OUTROS ASPECTOS DESTACADOS DA REFORMA
-Melloras en eficiencia enerxética e sostenibilidade: A actual instalación conta cun sistema de dobre produción de calor: unha bomba de calor xeotérmica para dar servizo ó quecemento de vasos de piscina, e unha caldeira de biomasa externa ao centro, que fornece calor mediante contrato de compra de enerxía, o cal fai que sexa ineficaz e ineficiente.
A mellora enerxética baséase na modificación da instalación térmica, unificando as producións de calor nun mesmo depósito de inercia de baixa temperatura, que permita aproveitar no mellor rendemento cada un dos sistemas.
Polo tanto, coa mellora da envolvente térmica do edificio e a substitución das actuais bombas de calor xeotérmicas por outras de última xeración reducirase drasticamente o consumo enerxético e as emisións de CO2 do conxunto para o seu funcionamento e confort térmico.
Ademais, esta “nova pel” cohesionará os diferentes volumes existentes no complexo deportivo da Pinguela, integrando a piscina no conxunto mediante unha unidade estética común.
Na Piscina, tamén será fundamental a xestión da auga e a súa reutilización. Para aquela que proceda das duchas e dos lavabos, cun baixo nivel de contaminación, rexenerarase con tratamento físico-biolóxico, para poder reutilizarse nas cisternas dos baños.
-Melloras en dixitalización: As melloras que se implantarán no referido a dixitalización e incorporación de novas tecnoloxías, “suporán un antes e un despois no sistema de xestión e dos servizos ofertados ós usuarios”, sendo 3 as actuacións máis destacadas:
1.-Sistema de monitorización da actividade: Coa instalación de NAGI, que é un sistema de xeolocalización precisa en tempo real, permitirá monitorizar a actividade e seguridade dos usuarios na piscina durante a súa práctica deportiva no vaso principal, co obxectivo de evitar calquera tipo de incidente ou afogamento.
Este sistema tamén axudará a controlar os aforos, o cal permitirá adecuar todas as actividades e programas deportivos á lexislación vixente en materia de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos ou sanitarias.
A implantación desta nova ferramenta dixital monitorizará todas as métricas e datos básicos da actividade dos nadadores, o cal contribuirá a que melloren a súa práctica e rendemento deportivo, tanto os deportistas que forman parte dos programas de tecnificación e dos clubs, como dos propios usuarios que utilizan a piscina para mellorar a súa condición física e saúde.
2.-Sistema integrado de xestión de edificios: A través del, que é un sistema similar ó instalado no Pavillón polideportivo, xestionaremos e supervisaremos dende un ordenador todos os sistemas do edificio, como o sistema eléctrico, o sistema de climatización, a produción de enerxía renovable, os contadores de gas e electricidade, o control de accesos, a videovixilancia ou protección contra incendios, entre outros.
3.-Sistema de xestión e control de accesos: O acceso ás instalacións deportivas realizarase mediante tornos, o cal cremos que é a mellor opción para o control de accesos, porque permitirá o acceso autónomo ós usuarios mediante lectores ópticos ó recinto, evitando que accedan persoas alleas á instalación e mantendo un control sempre de usuarios dentro do recinto.
“Como acabamos de explicar”, concluíu o Alcalde, “as obras na Piscina Municipal van ser un proxecto de mellora integral en toda a infraestrutura. En consonancia co esforzo que se vai a facer en modernizar e mellorar as instalacións, está o orzamento que lles volvo a subliñar que supera os 2 millóns de euros (2.047.009,42 €)”.
“Estes máis de 2 millóns de euros, engadidos os 3,7 millóns de euros que investimos no novo pavillón polideportivo, supoñen unha inversión de practicamente 6 millóns de euros grazas ó cal este conxunto polideportivo de A Pinguela será un referente a nivel de equipamento e instalacións deportivas, cunha imaxe atractiva e contemporánea, á disposición dos veciños, veciñas e deportistas que seguro a converterán, xunto co pavillón, nun conxunto de referencia para a comarca de Terra de Lemos, na provincia de Lugo e en toda Galicia, comparándoo con concellos de similares características ó de Monforte””.