O Alcalde fomenta a contratación dos alumnos do Obradoiro de Emprego da Pinguela que se formaron durante 12 meses en carpintería e albanelaría


Foto de arquivo Integrantes Obradoiro de Emprego 2023-2024

Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que xa se poden solicitar ás axudas para a contratación de alumnos e alumnas dos módulos de carpintería e de albanelaría do Obradoiro dual de Emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela, logo de que onte luns 21 de outubro saíra publicada a convocatoria das mesmas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Todas as empresas interesadas en solicitar estas axudas, terán 30 días naturais de prazo, a contar dende hoxe martes 22 de outubro e ata o 20 de novembro, para formalizar as súas solicitudes.

Trátase de axudas de 1.500 euros destinadas fomentar a contratación por parte de empresas de  alumnos e alumnas dos módulos de carpintería e de albanelaría, que participaron no Obradoiro Dual de Emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela” do Concello de Monforte, e que rematarán a súa formación o vindeiro 21 de novembro de 2024.

Para poder recibir estas axudas, as empresas deberán formalizar os contratos cos/as alumnos/as e os contratos deberán ser de alomenos 3 meses a xornada completa. Os contratos subvencionados deberán comezar con carácter xeral nos quince días seguintes á finalización do Obradoiro Dual de Emprego.

 “Deste xeito”, sinala o Alcalde, “dende o Equipo de Goberno do Concello, dentro das nosas políticas sociais e económicas, seguimos fomentando a creación de emprego, e neste caso, para facilitar a incorporación ó mercado laboral dos alumnos que veñen de formarse no Obradoiro de Emprego da Pinguela, onde os alumnos recibiron unha interesante formación durante doce meses en dúas especialidades,  carpintería e albanelaría.”

A estas axudas poderán optar entidades, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida nos obradoiros duais de emprego, e que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados en Galicia.

DOCUMENTOS:

Bases contratación alumnos Obradoiro Emprego 2024 Concello de Monforte

Publicación no BOP 21-10-2024

Impreso Solicitude Subvencións Concello de Monforte empresas contratación alumnos Obradoiro de Emprego 2024