Monforte de Lemos, 23 de outubro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe ante os medios de comunicación “un proxecto que é unha gran noticia para Monforte, e de xeito particular para o Polígono Industrial do Reboredo, para a industria monfortina, e para a actividade económica e o emprego do noso Concello e da comarca”.
Para elo, estivo acompañado por Miguel de la Fuente, responsable do Grupo Fenestra-Alumetal, que levará a cabo a construción dunha nova nave de Fenestra no citado polígono, cun investimento de máis de 8 millóns de euros. Tamén estivo presente o arquitecto que deseñou a nova nave, Ramón Rodríguez do estudio Abante.
José Tomé recordou que “desde fai 9 anos, dende a Alcaldía viñemos promovendo a modernización do Polígono do Reboredo, a promoción fora do noso entorno e a mellora de todos os servizos, e a súa ampliación. Froito dese traballo, deu como resultado que o tecido empresarial mudou de unha sensación pesimista a unha situación de optimismo empresarial, de crer nas posibilidades de desenvolver as súas empresas aquí en Monforte, e de atraer outras novas, chegándose á situación de que neste intre non hai parcelas que se poidan comprar, xa que están todas vendidas”.
O rexedor monfortino salientou que “desde o Concello, animamos ó responsable de Fenestra a que explorara as súas posibilidades de crecemento, colaboramos en todo aquelo que necesitou e aínda estamos facendo xestións diante doutras Administracións para obter axudas, e tramitamos a licencia deste proxecto, dándolle prioridade por ser un proxecto de interese relevante”.
Un investimento de máis de 8 millóns de euros
Na súa intervención o Alcalde explicou que o Grupo Fenestra-Alumetal adquiriu unha parcela de 28.000 m2, ubicados xunto á parcela que adquiriu Kern Pharma. Na primeira fase desta nova empresa, vai construír unha nave do tamaño dun campo de fútbol, é dicir, 10.000 m2 - 1 hectárea, o que lle vai permitir ter unha capacidade de produción de 400 ventanas diarias, aumentando exponencialmente a súa capacidade de produción actual, e que están destinadas á exportacións dentro e fora de Galicia.
“Un dato que da unha boa medida da importancia deste proxecto empresarial, é que vai realizar unha inversión superior ós 8 millóns de euros, e vai xerar varios postos de trabalo, aumentando a plantilla nun 25% nesta primeira fase, dado que vai ser unha planta moi automatizada, con máquinas de última tecnoloxía”, subliñou José Tomé.
O rexedor municipal agradeceu a Miguel de la Fuente “Miguel o traballo que viñemos facendo nos últimos anos para desarrollar o Polígono e a súa empresa, e que da como resultado esta excelente noticia. Sobre todo, cando unha parte dos seus propietarios son ou residen en Monforte”.
DESCRICIÓN DA ACTUACIÓN DO NOVO CENTRO DE PRODUCIÓN DE FENESTRA NO REBOREDO
Desde a súa fundación no ano 2.000 polos irmáns Jorge e Miguel De La Fuente do Grupo Fenestra - Alumetal o seu traballo foi sinónimo de calidade e innovación no sector da carpintería de altas prestacións. Nos seus 25 anos de experiencia, a empresa destacouse por ofrecer solucións eficientes que melloran a calidade de vida das persoas e o medio ambiente, logrando un crecemento medio anual, na súa cifra de negocio, superior ao 30%.
Novo Centro de Produción en Monforte de Lemos
Como parte do seu compromiso continuo coa innovación e a mellora dos seus procesos produtivos, Fenestra inicia a construción dun novo centro de produción que se situará no mesmo Polígono Industrial do Reboredo de Monforte de Lemos. Será un fito en innovación, sustentabilidade e capacidade de produción
Este novo centro, de 10.000 m² construídos na súa primeira fase sobre unha parcela de 28.000 m², permitirá a Fenestra aumentar a súa capacidade de produción a 400 xanelas de PVC diarias, en 3 quendas de produción, mellorando substancialmente a resposta á demanda do mercado e que supoñerá un investimento de 8 millóns de euros.
Esta nova fábrica constituirá un punto de inflexión para o crecemento da empresa, que non soamente permitirá aumentar a súa produción, senón que será unha fonte de riqueza e emprego na zona, cunhas instalacións de vangarda como referentes do sector. E dará resposta á alta demanda que existe no mercado.
Os principais mercados do Grupo Fenestra-Alumetal están en Galicia, Madrid e norte de Portugal.
Xeración de Emprego e Desenvolvemento Local
Fenestra-Alumetal proxecta un crecemento do 25% no seu persoal, xerando novas oportunidades de emprego especializado na comarca de Monforte. Esta expansión reflicte o compromiso da empresa co desenvolvemento económico local e a súa aposta pola formación e capacitación do seu equipo humano, creando emprego de calidade. Actualmente conta cunha plantilla de 38 postos directos, e coa nova nave, prevé incrementar en 10 postos máis dita plantilla.
Sustentabilidade e Tecnoloxía de Vangarda
O novo centro de produción foi deseñado cun enfoque prioritario en sustentabilidade e en eficiencia enerxética. Fenestra-Alumetal implementará tecnoloxías de produción avanzadas que reducirán o consumo de enerxía e minimizarán os residuos, aliñándose co seu compromiso co medio ambiente. Ademais, utilizaranse maioritariamente, enerxías renovables e materiais non tóxicos nos procesos de fabricación, contribuíndo á redución da pegada de carbono da empresa.
Innovación en Deseño e Colaboración
A instalación contará con tecnoloxía de última xeración, das máis avanzadas en España, que permitirá a Fenestra continuar colaborando con arquitectos, enxeñeiros e construtores para axudar a desenvolver solucións innovadoras que melloren a eficiencia enerxética e o confort dos fogares. Esta colaboración é fundamental para manter o liderado de Fenestra no mercado e continuar ofrecendo produtos de altas prestacións e calidade.
Un futuro máis sostible para a zona e para Fenestra
A construción do novo centro de produción en Monforte de Lemos é un firme compromiso de Fenestra coa innovación, a calidade e a sustentabilidade. Este fito permitirá á empresa, non só atender a crecente demanda de xanelas de altas prestacións, senón tamén consolidar a súa posición como líder no sector da carpintería de PVC de altas prestacións.
Con esta nova fábrica, Fenestra avanza na súa preparación para atender os desafíos do futuro, ofrecendo solucións que melloran a calidade de vida das persoas e o medio ambiente.
A previsión do Grupo é rematar a fábrica a finais do ano 2025 ou principios do 2026, e acadarán unha nave 4 veces máis grande que a que teñen actualmente no Polígono. As obras de construción da mesma xa deron inicio, levándose a cabo a cimentación, e comezando coa colocación da estrutura metálica.