A Tenente de Alcalde recibe da Subdelegada do Goberno a “Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero”

Monforte de Lemos, 25 de outubro de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, recibiu hoxe de mans da Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a entrega da MAVI, a Maleta viaxeira contra a Violencia de Xénero, que permanecerá na Biblioteca municipal Poeta Lois Pereiro durante un mes con material de lectura de textos feministas co obxectivo de fomentar a educación igualitaria e contra as violencias machistas.

No acto estiveron acompañadas pola Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita Rodríguez, a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación, María Luisa Castro, así como persoal do Centro de Atención á Muller e da propia Biblioteca.

Tras a súa permanencia na Biblioteca, a Maleta Viaxeira rotará polos tres centros de educación secundaria do Concello de Monforte.

A maleta contén 11 libros con temática feminista e inclúe un diario onde as persoas que fagan as lecturas podan expresar as súas reflexións e opinións. Neste senso Gloria Prada e Isabel Rodríguez insistiron na necesidade de formarse a través da lectura “para mudar hábitos pouco igualitarios e rematar coas condutas sexistas que están tan normalizadas na nosa sociedade”.

Ademais, este acto é o preámbulo das actividades que dende o Concello xa se están a organizar co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A subdelegada fixo entrega de 11 libros para uso da biblioteca municipal monfortina, celebrando a boa acollida que está a ter o programa na provincia. Salientou neste senso a pegada que pode deixar este recurso “empregado para remover conciencias e cambiar hábitos machistas aínda presentes nunha sociedade que a día de hoxe segue marcada polas conductas sexistas e patriarcais”.

Isabel Rodríguez agradeceu “a receptividade da Tenente de Alcalde e da Concelleira de Muller e Igualdade para desenvolver este programa, pois desde o Goberno traballamos man a man cos concellos para abordar esta cuestión de estado, creando conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos, e que ademais é un asunto que segue á orde do día e que continúa a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país”.

Así, lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. “É por iso que se entregan estes libros que estarán á disposición da cidadanía na biblioteca pública municipal, e que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos que perpetúan os estereotipos e roles de xénero”.

 

MAVI

Neste ano 2024 as 3 maletas MAVI da Subdelegación do Goberno en Lugo percorreron distintos concellos da provincia, como Trabada, Cervantes, Barreiros, Chantada, e agora Monforte, cun total de 36 libros a disposición das persoas interesadas. A maleta entregada esta mañá conta con once libros, incluíndo un diario onde expresar reflexións e opinións sobre os mesmos. 

Entre os títulos que garda a maleta de Monforte están “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?”, de Raquel Díaz reguera; “La cenicienta que no quería comer perdices”, de Nunila López e Miriam Cameros; “Todos deberíamos ser feministas”, de Chimamanda Ngozi; “Las chicas son guerreras: 26 rebeldes que cambiaron el mundo”, de Irene Cívico e Sergio Parra; “Mi marido me pega lo normal”, de Miguel Lorente Acosta; “Infamia”, de Ledicia Costas; “Amelia: historia de una lucha”, de Amelia Tiganus; “Cansadas”, de Nuria Varela; “Aqueles días en que eramos malas”, de Inma López Silva”; “Rosalía feminista”, de Helena González Fernández e “As miñas fillas de volvéronme a vida”, de Inés Fernández Lamela.