O Alcalde inaugurará o luns na Casa da Cultura unha exposición de debuxos feitos por nenos e nenas durante a Guerra Civil Española

Monforte de Lemos, 2 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará o vindeiro luns 4 de novembro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura, a exposición “¡Y además dibujan!”, composta por debuxos realizados por nenos en nenas durante a Guerra Civil Española.

A exposición contén 48 debuxos feitos por nenos persoa e nenas, arredor da temática da Guerra, a cal estaban a vivir en primeira persoa, nenos e nenas que ou ben foron evacuados cara as colonias escolares de Levante, ou ben foron exiliados á U.R.S.S.

Na inauguración, que é aberta para todos os públicos, o Alcalde estará acompañado polo comisario da mostra, Vladimir Merino Barrera, que é fillo dunha das nenas que tivo que marchar á U.R.S.S. en 1937.

A exposición rende homenaxe a estes nenos e nenas refuxiados de guerra, que sobre sinxelos papeis fixeron os seus debuxos, e tamén homenaxea ós homes e mulleres que tomaron a iniciativa de socorrer a estes nenos e nenas españois que sufriron directamente a guerra e a separación das súas familias.

O martes 5 de novembro, por iniciativa do Equipo de Goberno, está previsto que visiten a exposición alumnos e alumnas de 4º da ESO dos centros educativos de Monforte.

A exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 4 ó 29 de novembro de 2024.