Monforte de Lemos, 5 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde-noite de onte luns 4 de novembro, na Casa da Cultura, a exposición “¡Y además dibujan!”, composta por debuxos realizados por nenos e nenas durante a Guerra Civil Española.
No acto inaugural, interviu o rexedor monfortino, e tras el o comisario da exposición, Vladimir Merino Barrera, quen impartiu unha interesante e didáctica conferencia sobre a orixe e o contido de dita exposición. Tamén estiveron presentes a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os concelleiros e concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Obras e Servizos, José Luis Losada, Consumo, Regina López, e Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, así como outros membros da Corporación municipal, membros de diversas asociacións monfortinas, así como veciños e veciñas. Tamén participou Gloria Martínez Dorado.
A exposición contén 48 debuxos feitos por nenos persoa e nenas, arredor da temática da Guerra, a cal estaban a vivir en primeira persoa, nenos e nenas que ou ben foron evacuados cara as colonias escolares de Levante, ou ben foron exiliados á U.R.S.S. Precisamente, Vladimir Merino Barrera, que é fillo dunha das nenas que tivo que marchar á U.R.S.S. en 1937.
O Alcalde, na súa intervención, fixo unha fonda reflexión sobre a guerra e o seu impacto nos nenos e nenas, e que neste caso se pode ver nestes “debuxos feitos por nenos e nenas arredor da Guerra Civil Española, coa peculiaridade de que a sufriron en primeira persoa. Unha visión dende a inocencia, libre de prexuízos, polo tanto sen trampa, sen filtros”.
Neste senso, a exposición rende homenaxe a estes nenos e nenas refuxiados de guerra, que sobre sinxelos papeis fixeron os seus debuxos, e tamén homenaxea ós homes e mulleres que tomaron a iniciativa de socorrer a estes nenos e nenas españois que sufriron directamente a guerra e a separación das súas familias.
“Estes debuxos”, subliñou José Tomé, “poderían ser de calquera guerra, vista dende os ollos inocentes dos nenos. Como saben desgraciadamente, hoxe o mundo, segue a padecer moitos conflitos armados, nos que destacan especialmente dúas guerras cruentas, na que a poboación civil, e sobre todo os nenos e nenas, son as principais vítimas. Estoume a referir á guerra de Ucraína e a guerra de Gaza”.
No seu alegato contra as guerras e a favor da paz, o Alcalde salientou que “as guerras arrebátanlles a risa e a alegría. En lugar de xogar e aprender, moitos nenos e nenas son testemuñas da violencia e o sufrimento, algo que sen dúbida podemos contemplar a través dos debuxos que enchen a nosa Casa da Cultura. Por iso creo que é a nosa responsabilidade como sociedade garantir que cada neno teña dereito a crecer nunha contorna segura e pacífica. Debemos alzar a nosa voz e esixir un cambio. Non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres os nenos sofren. Necesitamos apoiar iniciativas que ofrezan axuda humanitaria, educación e atención psicolóxica aos que máis o necesitan”.
Por iso, concluíu o rexedor monfortino “Esta exposición debe servir para que nos sensibilicemos e tomemos conciencia da crudeza da guerra e da importancia de vivir en paz. Debemos traballar xuntos para construír un mundo onde os nenos e as nenas poidan soñar e prosperar, lonxe das sombras da guerra. Lembremos: os nenos son o futuro. Non deixemos que a guerra lles roube esa esperanza”.
A exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 4 ó 29 de novembro de 2024.