Monforte de Lemos, 7 de novembro de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, deron a coñecer hoxe o programa de actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero.
A Concelleira de Muller e Igualdade convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización titulada “Monforte, En negro contra as Violencias”, e que ten por obxecto, a través dun completo programa de actividades “facer un chamamento á unión e implicación da xente da cidade para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”.
Neste senso, Margarita López indicou que “a violencia machista non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala das nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obrigación. Para iso necesitamos o compromiso individual da cidadanía, homes e mulleres, e o compromiso colectivo da sociedade todos os días do ano”.
“A violencia machista é a primeira causa de morte prematura entre as mulleres, o machismo mata e ten que ser unha cuestión política de primeira orde. Desde o ano 2003, data que marca o inicio da recompilación de datos oficiais, foron asasinadas por violencia de xénero en España 1.283 mulleres. No que levamos de 2024, ata principios de novembro foron asasinadas 39 mulleres”, destacou a concelleira.
“Por todo isto, dende o Equipo de Goberno, consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Así, animamos a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración dos diversos actos que organizamos arredor do 25 de novembro”.
A campaña ideada dende o Concello co gallo do 25-N, estenderase dende hoxe xoves día 7 e ata o 29 de novembro. O programa conta cun amplo abano de actividades, cuxa difusión será a través de cartelaría específica e de pancartas conmemorativas, que serán colocadas no edificio do Concello e no Centro Cívico.
Tamén, o igual que nos últimos anos, instalarase un vinilo da campaña no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero en todos os traxectos que realice o bus pola vila, así como un chamamento a asistir á concentración do 25 novembro.
Actos centrais do 25-N, na Praza do Concello
Como todos os anos, o luns 25 de novembro acollerá os actos centrais do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero en Monforte.
Ás 12:00 h, terá lugar o acto conmemorativo do propio día coa Lectura do Manifesto na Praza do Concello a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade.
Posteriormente desenvolverase a peza de Microteatro titulada “O que pasa na lareira queda na lareira” a cargo da artista Merche Pérez.
A este acto acudirá alumnado de Educación Primaria para facelo partícipe na conmemoración desta data, e tamén se repartirá entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado co lema da Campaña “Monforte en Negro contra as violencias”.
Mavi: A Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero
Por outra banda A Subdelegación de Goberno en Lugo achegou a Monforte o pasado 25 de outubro a iniciativa Mavi: A Maleta Viaxeira Contra a Violencia de Xénero, como preámbulo destas actuacións do mes novembro co gallo do 25 de Novembro.
Tal e como se informou no seu día, a maleta, que conten unha decena de libros escritos por mulleres, permanecerá na Biblioteca Municipal Poeta Lois Pereiro dous mes, para continuar a posterior a súa viaxe polas Bibliotecas dos Institutos de Educación Secundaria de Monforte.
Un completo programa de actividades arredor do 25-N
En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, serán as seguintes:
Hoxe xoves 7 de novembro dende as 12:00 h. e no Salón de Actos do Edificio Multiusos, celebrouse un Obradoiro dirixido a alumnos e alumnas de 4º da ESO, que consistiu na representación da obra “DeseXo” da compañía Talia Teatro e un coloquio posterior no que a sexóloga Bárbara Penas xerou un espazo de reflexión sobre a importancia dunha educación integral que inclúa a saúde sexual e emocional dando resposta as dubidas e inquedanzas do alumnado.
Tamén pola tarde deste xoves 7, representarase esta mesma obra de teatro ás 20:15 h no Edificio Multiusos dentro da programación teatral organizada polo Equipo de Goberno para o último trimestre do ano. Obra escrita e dirixida por Diego Rey e cun elenco artístico de Marta Ríos e Dani Trillo.
É unha obra para público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Os días 21, 22, 27, 28 e 29 de novembro celebraremos o Obradoiro de Prevención das Ciberviolencias de Xénero, dirixido ao alumnado de 6º de Educación Primaria, en sesións de 90 minutos.
A través deste Obradoiro preténdese fomentar que o alumnado reflexione sobre o impacto que as redes sociais teñen sobre as súas vidas, mediante a comprensión das consecuencias que conleva compartir contido online, promovendo un uso consciente, responsable e seguro.
A encargada de levar a cabo a actuación será a Educadora Social Paula Santos con formación en igualdade e prevención da violencia de xénero.
Neste caso, participarán alumnos e alumnas do colexio de A Gándara, o Torre de Lemos, os Escolapios, o Ferroviario, o CEIP Monforte e o CEE Infanta Elena.
O 21 e 26 de novembro, impartiremos o Curso de Defensa Persoal Feminina, que repite no programa dende hai uns anos pola boa acollida que sempre ten.
Este curso serve para dotar as mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e para a prevención de situacións de violencia de xénero.
Estará impartido por Juan José Martínez, que a través do Método Mais, emprega unha metodoloxía de Defensa Persoal Feminina, para aprender a empregar o corpo e a mente contra as ameazas do día a día.
A actividade é gratuíta e co número de prazas limitado, polo que as mulleres interesadas deberán inscribirse previamente no CIM (Tel. 982 41 63 50).
O domingo 24 de Novembro ás 18:00h. no Salón de Actos da Casa da Cultura desenvolverase un Contacontos teatralizado “Dúas nenas moi moi valentes” dirixido ao publico familiar, cunha duración de 45 minutos e entrada gratuíta ata completar o aforo.
A compañía Trémola Teatro, integrada por profesionais das artes escénicas, porá en escena a historia de dúas nenas que, nunha festa de pixamas, descobren un libro secreto cheo de historias fascinantes con mulleres como protagonistas.
“En resumo”, concluíu a Concelleira de Muller e Igualdade, “un ano máis encheremos Monforte de actividades arredor do 25-N Día Internacional contra a Violencia de Xénero, porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.
Para iso, Margarita López animou “a todos os veciños e veciñas de Monforte, asociacións, colectivos, entidades e empresas a implicarse na conmemoración do 25 de novembro, e a que participen nos diversos actos que conforman esta campaña, co obxectivo común de acabar coa lacra da violencia de xénero na nosa sociedade, pois é un tema transversal que nos compete a todos e todas”.