O Alcalde destina 10.000 euros en axudas a deportistas individuais monfortinos, un 43% máis que en 2022

Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2024. O pasado luns 4 de novembro a Xunta de Goberno Local aprobou as bases e convocatoria de bolsas a deportistas do Concello de Monforte que practiquen algún tipo de modalidade deportiva  individual durante a tempada 2023-2024, para as que o Alcalde destinou 10.000 euros en axudas a deportistas individuais, un 43% máis que no ano 2022.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca a importancia destas axudas “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega, , motivo polo cal decidimos incrementar o importe das axudas este ano”.

O importe total destinado a estas axudas en 2024 é de 10.000 euros, o que supón 3.000 euros máis que en 2022 (un 43% máis) , e 5.000 euros máis que 2019 (un 100% máis). A cantidade máxima de cada unha das bolsas se establece en 600 € por deportista.

Logo da súa publicación este venres 8 de novembro no Boletín Oficial da Provincia, os interesados xa poden presentar as súas solicitudes, tendo de prazo dende o vindeiro luns 11 ata o venres 22 de novembro de 2024.

As persoas solicitantes poderán presentar, no marco desta convocatoria, os méritos deportivos conseguidos entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024. Ademais, tamén é requisito necesario para optar a estas axudas ter participado como mínimo en tres probas ou campionatos de carácter oficial, dos cales un deles ten que ser o campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva durante o período obxecto da presente convocatoria.

Poderanse beneficiar destas axudas os/as deportistas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Que estean empadroados/as no Concello de Monforte de Lemos dentro do prazo de presentación de solicitudes e, como mínimo, dende o 1 de outubro de 2022.
  • Estar federados nalgunha das federacións deportivas galegas ou españolas no período para o que se solicita a axuda, é dicir, entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024, e que como mínimo participaran no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
  • Estar ó corrente nas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estar ó corrente das obrigas coa Seguridade Social e co Concello de Monforte.
  • Que non estean incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e non estar incursos/as nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.

Terán a consideración de deporte de carácter individual todos aqueles deportes que, segundo a súa regulamentación, son practicados de forma individual. En todo caso, non se considerarán participacións individuais as substitucións nin as probas coordinadas ou sincronizadas nas que actúe simultaneamente máis dun integrante do mesmo equipo.

Á hora de realizar a valoración teranse en conta os tres mellores resultados conseguidos en competicións oficiais segundo a táboa de valoración establecida, así como a convocatoria no período pola selección galega ou estatal. Enténdese por competicións oficiais as consideradas como tal pola Federación Deportiva correspondente ou pola Administración deportiva dentro do seu ámbito de competencias.

DESCARGA DE DOCUMENTOS:

BASES SUBVENCIÓNS DEPORTISTAS INDIVIDUAIS MONFORTE 2024

BOP 08-11-2024.pdf

ANEXO 1 SOLICITUDE SUBVENCIÓNS DEPORTISTAS INDIVIDUAIS MONFORTE 2024

ANEXO 2 SOLICITUDE SUBVENCIÓNS DEPORTISTAS INDIVIDUAIS MONFORTE 2024

ANEXO 3 SOLICITUDE SUBVENCIÓNS DEPORTISTAS INDIVIDUAIS MONFORTE 2024