Monforte de Lemos, 11 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou hoxe en rolda de prensa, un novo proxecto de mellora dunha infraestrutura viaria da cidade, neste caso, unha vía histórica, a Rúa Vella. No acto, estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, José Luis Losada.
A Rúa Vella ubícase intramuros ó pé do monte de San Vicente, e trátase dunha vía de gran importancia histórica e patrimonial. “O noso obxectivo” explicou o Alcalde, “é recuperar o pavimento orixinal desta rúa, á vez que procedemos ó seu acondicionamento e mellora”.
Seguramente a súa construción data do século XII, e probablemente ideouse para comunicar a coñecida como porta de Carnicerías ou Peixarías, ou mesmo a Porta Principal da Vila, co antigo Palacio Condal, na zona alta do Monte de San Vicente, hoxe coñecida como Porta da Alcazaba, subindo pola rúa Santo Domingo. Estamos a falar dos séculos XII e XIII.
Esta rúa, como ocorre con toda a zona intramuros de Monforte, comeza a súa decadencia no século XVI, momento en que o desenvolvemento urbano colle forza fóra das murallas.
Desde ese momento, e ata a actualidade, a decadencia da rúa é patente, chegando a destruírse boa parte do seu percorrido, coa construción dos depósitos de abastecemento de auga potable para a cidade, na primeira metade do século XX.
“A día de hoxe, a Rúa Vella parece máis un camiño rural que unha vía urbana, sen casas e en franco estado de abandono”, explicou José Tomé. “Por iso, dende o Equipo de Goberno decidimos acometer a súa mellora e acondicionamento que pasa pola recuperación do seu pavimento orixinal”.
Levantamento topográfico previo
Como pasos previos á convocatoria desta licitación, o Alcalde explicou que xa se levou a cabo un levantamento topográfico da rúa, así como unha limpeza (catas) en varios tramos da rúa dirixida polo Arqueólogo Municipal (Iván A. Álvarez Merayo), co fin de establecer pormenorizadamente que traballos era necesario realizar na mesma.
Unha vez levada a cabo esta limpeza, o informe do Arqueólogo indica o seguinte:
“Entendemos que o pavimento orixinal da Rúa Vella, se conserva en perfecto estado na zona baixa da rúa, alterándose progresivamente segundo ascendemos cara á parte alta do monte de San Vicente até chegar á desaparecer na zona alta. Esta alteración interpretámola, como unha afección desenvolvida no momento de construción dos depósitos de abastecemento en 1940.
Os traballos a desenvolver para a execución das futuras obras de recuperación desta rúa, deberían partir dunha limpeza, documentación e topografado integral desta vía medieval, para preservar a súa historia, e coñecer a fondo o seu estado de conservación, de cara deseñar as medidas máis axeitadas para integrar as partes orixinais que se poidan conservar, no pavimentado definitivo”.
Recuperación da Rúa Vella
Unha vez obtida esta información, a través do levantamento topográfico e a limpeza, as obras a realizar para a recuperación do pavimento orixinal, así como o acondicionamento e mellora da rúa Vella desenvolveranse ó longo de 156 metros lineais. Dado que o ancho medio da vía é de arredor de 4 metros, a superficie total de actuación será de 579 m2.
Tendo en conta o sinalado polo Arqueólogo Municipal no seu informe, estableceranse 4 zonas de actuación:
-Zona 1: son dúas pequenas áreas nas que hai uns anos descubriuse o pavimento orixinal, con motivo do desescombro dunha casa que colapsou. Nela levaremos a cabo a limpeza manual do pavimento existente.
-Zona 2: é na que, de acordo co Informe do Arqueólogo, cabe supoñer a existencia do pavimento orixinal baixo unha capa de terra vexetal.
Neste tramo, efectuarase unha escavación do terreo con mini-retro e manual ata alcanzar o pavimento de canto rodado. Unha vez descuberto o mesmo, procederase á súa limpeza manual, e reposición de pedras que falten.
-Na Zona 3, que é a continuación da rúa ata a intersección co ramal que dá acceso aos depósitos de auga, na que supoñemos que non existe o pavimento orixinal, procederemos á escavación do terreo para a posterior colocación dunha base de jabre compactado e o novo pavimento de canto rodado colocado a chapacuña.
Colocarase de forma similar ó existente, coa espiña central realizada cos cantos máis grandes e os laterais cos algo máis pequenos.
-Na Zona 4, que é o ramal que dá acceso á baixada da Rúa Vella e ós depósitos de auga, por ser unha zona de uso compartido entre vehículos e peóns (as tres zonas anteriores serán de uso peonil), e na que tamén se supón que non existe xa o pavimento orixinal, procederemos tamén á escavación do terreo para a posterior colocación dunha base de jabre compactado.
Nesta zona colocarase un pavimento diferenciando dúas zonas:
- Por unha banda, en dúas franxas de 60 cm. de anchura, por onde discorren as rodeiras dos vehículos, así como no acceso desde a subida ao Parador, colocarase un pavimento de pedra granítica abuxardada de 12 cm. de espesor, sobre esa base de jabre compactado colocada previamente. Esta pedra, colocada en pezas de 60 x 60 x 12 cm., será granito do país, silvestre moreno, con acabado flamexado, cumprindo os criterios de resbaladicidade do Código Técnico da Edificación para clase C3. Proxéctase un espesor de 12 cm. de pedra, dado que, segundo o convido coa Arquitecta Municipal, considérase que pola compactación e características da base, pódese considerar unha base ríxida.
- No resto do ancho deste tramo, a zona central e os dous laterais, colocarase o mesmo pavimento que no resto dos tramos, de chapacuña de canto rodado, pero esta vez sen a espiña central.
“Todos estes traballos, fundamentalmente os de limpeza e escavación, que se realizarán co preciso Control Arqueolóxico, unha vez terminados, darannos unha idea clara do estado actual do pavimento orixinal, o seu estado de conservación e os seus límites exactos. Como consecuencia disto, nese momento valorarase a necesidade ou non de realizar modificacións neste proxecto que lles estou a presentar, en función do que se atope na devandita escavación”, explicou o Alcalde.
Así mesmo, á vez, realizaranse tamén dúas zanxas para instalacións. Unha para soterrar a instalación de telefonía que na actualidade é con tendido aéreo, e outra para deixar a previsión dunha canalización para unha futura iluminación pública nesa rúa. Todas as arquetas a colocar levarán tapa de fundición.
Por último, actuarase tamén en varios tramos dos muros de pedra laterais que delimitan a rúa e que están derruídos parcialmente, reconstruiremos, no posible, eses tramos.
Orzamento e licitación
Este proxecto ten un orzamento de 99.440,99 euros (IVE engadido), e hoxe mesmo será publicado o anuncio de licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público.
O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o luns 9 de decembro deste ano 2024.
As mesas de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o mércores 18 de decembro e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarase o mércores 8 de xaneiro de 2025.
Os criterios de adxudicación serán:
- Memoria técnica: 40 puntos
- Prezo: 60 puntos.
O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine a acta de replanteo, está previsto que sexa de 2 meses.
“Creo que se trata dunha inversión relevante porque vai supoñer a recuperación dunha rúa emblemática da nosa cidade e do noso casco histórico, en definitiva, dunha parte da nosa historia e do noso pasado máis esplendoroso”, subliñou o Alcalde.
E finalizou José Tomé indicando que “esta é a primeira actuación dos camiños que hai na ladeira de San Vicente, por ser antigamente a rúa máis importante, pero a nosa intención é seguir arranxando o resto de camiños que hai dentro da Muralla”.