Teatro este xoves 21 de novembro con Soños, da compañía Arte Feito no Multiusos de Monforte

Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2024. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este xoves 21 de novembro ás 20:15 no Edificio Multiusos unha nova obra de teatro, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024.

Así, terá lugar a coa posta en escena da obra para adultos Soños, da compañía Arte Feito, unha peza dirixida por Támara Canosa, escrita por Fernando Epelde e representada por Victoria Pérez, Anxo Outumuro e Sara Ferro. Un gran equipo de profesionais para realizar a primeira obra que aborda a realidade da mocidade en risco de exclusión cunha posta en escena chamativa e un estilo cru e directo.

A obra está creada pola unión de Artefeito con Igaxes, entidade especializada no traballo con menores en risco de exclusión, e con Culturactiva. A unión de forzas e de sinerxías de calidade está presente tamén detrás do telón para achegar unha peza única.

É unha obra para público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Previamente, pola mañá, as 12:30 horas, a obra será interpretada para alumnos e alumnas de Bacharelato dos centros educativos de Monforte.

Sinopse

A compañía Arte Feito presenta Soños, que é a primeira obra teatral galega que trata a situación da mocidade tutelada dun xeito integral. Un espectáculo divertido, ameno e sorprendente, pero tamén cunha gran forza social. Unha ficción moi realista e con moito ritmo que nace do contacto directo do autor e directora con mocidade tutelada, levando as súas experiencias ao escenario.

Soños é unha ventá a realidade da mocidade en risco de exclusión: amósanos o seu contexto, as súas aspiracións, os seus medos. Un espectáculo que vai chegar con moita facilidade ao corazón e á cabeza do público adulto e xuvenil.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, esta vez dirixida a todos os públicos, será Os Outros de Teatreiras-Monforte, que terá lugar o sábado 30 de novembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ás 20:00 horas, sendo a entrada gratuíta. Esta peza está integrada no Circuíto de Teatro Afeccionado da área de cultura da Deputación de Lugo.