Inicio hoxe do Curso de Defensa persoal feminina, organizado polo Equipo de Goberno dentro do programa de actividades do 25N de Monforte

Monforte de Lemos, 21 de novembro de 2024. O Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade, celebra hoxe a primeira sesión do Curso de Defensa persoal feminina que ten programado dentro do conxunto de actividades que está levando a cabo nestas datas co gallo do 25 novembro “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”.

A actividade é gratuíta e desenvolverase en dúas sesións que se levaran a cabo no Centro Cívico Social de 16:00 a 20:00 h., hoxe xoves 21 e o martes 26 de novembro, impartido por persoal cualificado e especialista en defensa persoal.

O curso componse dunha parte teórica e práctica que se dará en conxunto de forma que a formación sexa dinámica.

Na parte teórica traballaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e o código penal. Haberá unha parte de desenvolvemento do control das 5 claves que contempla o programa como son a respiración, a observación, a valoración, a estratexia e a técnica. Tamén se traballará todo tipo de prevención para situacións de risco que leven a evitar ás participantes todo tipo de confrontamento físico, pero se este non é evitable aprenderán un amplo abano de técnicas, como poden ser defensa ante un ataque ou un agarre ao peito, ou ao pelo, ou un ataque cunha arma branca.

A finalidade do curso é que a muller teña ferramentas suficientes para sentirse segura nunha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida.

A metodoloxía empregada denomínase Método Máis que xira en torno a 5 puntos clave que necesitas para controlar o teu corpo e mente e evitar que o medo te paralice e non sexas capaz de reaccionar ante calquera situación de perigo.

Os beneficios do Método Máis son:

  • Mellora da autonomía persoal, tanto de maneira física coma mental.
  • Incremento de confianza e seguridade, non só polas habilidades físicas senón pola superación e a mellora constante.
  • Mellora da autoestima.
  • Eliminar recordos desagradables para as persoas que xa sufriron algún maltrato.
  • Alivio da tensión e do estrés.
  • Mellora e superación (mellora da capacidade para enfrontar novos retos).
  • Fomenta valores de respecto, tolerancia, sensibilidade, prudencia, solidariedade e responsabilidade, harmoniza e da sentido á vida.
  • Mellora a concentración e a memoria.

Esta actividade enmárcase dentro das actuacións que a Dirección Xeral de Loita contra a violencia de xénero, Consellería de Política Social, ofrece ós municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, entre os que se inclúe o Concello de Monforte de Lemos.