A Praza do Concello acollerá mañá luns 25 de novembro o Acto conmemorativo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero

Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2024. O Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade, organiza para mañá luns 25 de novembro ás 12:00h., na Praza do Concello o Acto conmemorativo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, aberto á participación de todos os monfortinos e monfortinas.

A Concentración comezará coa Lectura do Manifesto a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade, e posteriormente desenvolverase a Peza de Microteatro titulada “O que pasa na lareira queda na lareira” a cargo da artista Merche  Pérez.

No acto tamén participarán representantes do alumnado de educación primaria de todos os centros de ensino de Monforte, así como o Alcalde de Monforte e diversos membros da Corporación Municipal e persoal do propio Concello.

Unha vez rematada a representación teatral, repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado co lema da Campaña “Monforte en Negro contra as violencias”.

 

Sinopse da obra de microteatro

Quen non lembra aquel oráculo chamado Lar, sobre o nacemento dunha pedra? Aquel lugar ancestral de peregrinacións familiares, onde o lume purificador escoitaba as conversas máis íntimas e segredas que danzaban adurmiñadas entre as súas cinzas, evitando ser desprazadas ou esquecidas pola auga ou por algún estraño vento. Din que cada historia que alí se contaba era transmitida polas voces e os cánticos das mulleres que mesturaban antigos ingredientes como a prudencia e o silencio, a piedade e o segredo, o medo e o segredo. Silencio: Todo o que pasa na lareira queda na lareira.