Monforte de Lemos, 26 de novembro de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, en representación do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, que non puido estar presente por problemas de axenda como Presidente da Deputación de Lugo, participou na mañá de hoxe na viaxe inaugural en tren do tramo entre Ourense e Monforte, tras a reapertura da vía férrea.
“Desde o Concello de Monforte estamos moi satisfeitos de que volva a abrir a liña férrea con Ourense. Tras esas obras de mellora e electrificación que supuxeron un investimento de 550 millóns de euros, a más importante da historia do noso ferrocarril, xa podemos viaxar, a través dos Alvia Transversais, de Galicia a Cataluña, e recuperamos a conexión por vía férrea con Ourense, polo que hoxe é un día moi importante para Monforte”, salientou a Tenente de Alcalde, que puxo en valor este histórico investimento por parte do Goberno de España.
Esta viaxe inaugural produciuse coa saída hoxe martes 26 de novembro dende a da Estación de tren Ourense-Empalme, ás 9:25 horas, e chegou 5 minutos antes do previsto a Monforte, ás 10:10 horas. A viaxe corresponde ó tren Alvia A Coruña-Barcelona, que recuperou así o servizo habitual.
Na viaxe, a Tenente de Alcalde estivo acompañada polo Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o xefe da Área de Mantemento de ADIF en Ourense, Luis Palacios, e o representante institucional de RENFE en Galicia, Javier Pérez.
Prada tamén destacou que a “viaxe foi moi confortable, na que se notaron as melloras que se levaron a cabo” e subliñou que “para Monforte é un día moi importante porque despois desta inversión histórica na provincia de Lugo, volvemos a recuperar as viaxes de Monforte a Ourense, pronto recuperaremos a conexión con Lugo, e nun tempo non moi lonxano, tamén o transporte por tren de mercadorías”.
Neste senso, durante a comparecencia ante os medios de comunicación en Monforte, anunciouse que o 17 de decembro está previsto que volvan a circular os Media Distancia A Coruña-Ourense, Vigo-Ourense-Ponferrada, Ourense-Ponferrada e Ourense-Lugo, así coma o Alvia Lugo-Madrid.
Coa viaxe de hoxe complétase a ambiciosa renovación integral da liña Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, de 117 km, reforzándose a fiabilidade e capacidade de circulación da liña que conecta coa alta velocidade en Ourense, ademais de renovar e ampliar as estacións de Monforte e Lugo.
O tramo entre Monforte e Lugo, de 71 km., está a piques de concluír as obras, que consisten na renovación da vía, a súa electrificación, a súa dotación de novos sistemas de telecomunicacións e sinalizacións, así como a adaptación de gálibos das súas pontes e túneles.
O subdelegado do Goberno en Ourense, pola súa banda, destacou estas “inversións millonarias do Goberno de España que supuxeron a transformación completa de toda a estrutura da vía, as plataformas, as interseccións, travesas, catenarias, así como a mellora da seguridade dos túneles e viadutos, así como a velocidade e o confort da liña”.
Santos tamén subliñou que esta inversión, “que está executándose practicamente ó 95%, permitir que Lugo e Monforte teñan unha conexión directa con Ourense e, polo tanto, coa Alta Velocidade que conecta Galicia co resto de España, un fito tamén importante para que Monforte recupere o seu pulo tradicional ferroviario”.
Presentación histórica do proxecto de renovación da vía Ourense-Monforte-Lugo
Cabe recordar que o 12 de marzo, o Alcalde de Monforte, acompañado polos entón Secretario Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Sergio Vázquez Torrón, e a Presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, presentaron en Monforte o conxunto de actuacións que acometerá o Goberno de España na liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo cun investimento superior aos 550M€.
O investimento do Goberno de España destinouse para a modernización e mellora do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, co fin de mellorar a súa fiabilidade e competitividade, dada a incorporación do tramo Ourense-Monforte ao Corredor Atlántico de Mercadorías e a posta en marcha da conexión de Lugo á Alta Velocidade.
O Alcalde naquel intre cualificou a xornada de hoxe como “un día histórico ou que vai facer historia en Monforte e na provincia” porque “gracias ao traballo e ao compromiso do Goberno de España”, queda demostrado, con feitos, que Lugo “volve a estar no mapa das infraestruturas de Galicia e de España”.
O investimento anunciado por Adif, destacou en 2021 José Tomé “ten por si mesmo un gran valor, pero cobra un especial significado na nosa provincia despois do esquecemento total, do desprezo absoluto, ao que someteron a Lugo os gobernos do noso país entre os anos 2011 e 2017. Uns gobernos que non fixeron absolutamente nada pola provincia de Lugo en materia ferroviaria, só paralizar o que xa estaba en marcha, algo constatado nos seus informes polo Tribunal de Contas, como foi, entre outras cousas, a ruptura do contrato da Estación Intermodal de Lugo para a chegada do AVE. A situación foi tan grave que ata houbo que indemnizar a empresas por non facer nada, porque rompéronse os contratos”.
Con este Goberno do Estado “agora si, é unha realidade a mellora e modernización do ferrocarril na provincia de Lugo. Agora si é unha realidade a mellora da vía ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo, primeiro para electrificar o tramo Monforte-Lugo, o que permitirá a chegada da Alta Velocidade á capital da provincia e tamén modernizar as infraestruturas ferroviarias en Monforte”, asegurou o Alcalde monfortino.