Teatro este xoves 12 de decembro organizado polo Concello con Testosterona, da compañía Malasombra no Multiusos de Monforte

Monforte de Lemos, 9 de decembro de 2024. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este xoves 12 de decembro ás 20:15 no Edificio Multiusos unha nova obra de teatro, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024.

Así, terá lugar a coa posta en escena da obra para adultos Testosterona, da compañía Malasombra, obra coa autoría de Sabina Berman, dirixida por Xoque Carbajal e cun elenco artístico conformado por Camila Bosa e Luis Iglesia. 

É unha obra para público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

 

Sinopse

O director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dun dos seus dous sub-directores. Un é muller, home o outro. Que influirá nesa decisión?: a capacidade?, o sexo?, a experiencia?, a audacia?, o engano?, a trampa?...

Testosterona fala de desigualdade laboral; un home e unha muller optan a un posto de máxima  responsabilidade  nun medio de comunicación de ámbito nacional; cal dos dous será o elixido e por que? A autora mexicana Sabina Bernán, proponnos unha reflexión profunda sobre a desigualdade laboral por cuestión de sexo, e faino de maneira que nos sorprenderemos cun sorriso debuxado nos nosos beizos vendo as peripecias destes personaxes.

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, esta vez dirixida a todos os públicos, será Copacabana do grupo de teatro Viraventos-Monforte, que terá lugar o sábado 14 de decembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ás 20:00 horas, sendo a entrada gratuíta. Esta peza está integrada no Circuíto de Teatro Afeccionado da área de cultura da Deputación de Lugo.