Monforte de Lemos, 20 de decembro de 2024. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este xoves que a cidade de Monforte de Lemos volverá a ser protagonista na 15ª etapa de La Vuelta 2025 o 7 de setembro, cun percorrido de 167 quilómetros e cualificado como de montaña. Fíxoo na presentación oficial da 90ª edición da proba, celebrada a tarde de onte 19 de decembro en Madrid, onde puxo en valor que a competición volve a discorrer pola provincia grazas ás xestións da institución provincial a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora, Unipublic.
A capital da Ribeira Sacra será o punto de chegada da etapa, que pasará tamén pola Montaña lucense e a comarca de Sarria. Cun percorrido similar ao do ano 2021, que tamén finalizou en Monforte de Lemos e que cualificou como “longa e dura, das que se denominan rompe pernas, polas continuas subidas e baixadas, que sen dúbida van poñer a proba as forzas dos corredores”.
“Sabemos que o retorno económico e en termos de promoción para a cidade, para a Ribeira Sacra e provincia é enorme e por iso levamos anos apostando por esta proba. Porque ademais dun escaparate importantísimo, mobiliza unha organización de 3.000 persoas”, apuntou o Alcalde, quen valorou que a aposta da Deputación permitiu que en tan só catro anos, a provincia de Lugo fora escenario de tres etapas desta cita ciclista e o que iso supón polas retransmisións en directo seguidas por millóns de persoas.
Nese sentido recordou que o ano 2021, Monforte de Lemos foi tamén final de etapa na xornada 19 que partiu de Tapia, atravesando 12 concellos da provincia nun percorrido de 139 quilómetros por territorio lucense; e que este ano 2024 unha das etapas partiu de Lugo, “cunha excelente acollida na capital da provincia”, para rematar en Ancares. O ano pasado foi a etapa 13 a que discorreu por Lugo, O Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes.
Nesta gala á que asistiu Tomé Roca desveláronse as localidades e as datas polas que transitarán as diferentes etapas da proba no 2025, que arrancará o 23 de agosto en Italia e rematará en Madrid o 14 de setembro. “O obxectivo que motivou á Deputación para volver a colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia forma parte da nosa estratexia para impulsar o desenvolvemento social e económico, neste caso coa promoción do territorio a través do turismo”.
Unha proxección internacional “incalculable”
Lembrou o Alcalde que situada na elite do ciclismo mundial, co Giro de Italia e o Tour de Francia como compañeiras, traballan cubrindo esta cita preto de 1.000 xornalistas de máis de 270 medios. En España, a retransmisión de RTVE conta con máis de 1 millón de telespectadores que se suman aos millóns de persoas que seguen o evento polas redes sociais. Só os vídeos das canles oficiais de La Vuelta contan con 277 millóns de visualizacións.
“Esta proba é unha das mellores formas de levar ao plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente, tal e como demanda a sociedade”. Ademais do retorno que xera a medio prazo en proxección e visitas, José Tomé lembra que La Vuelta mobiliza a unhas 3.000 persoas, “o que contribúe, de xeito directo, a incrementar a actividade na hostalería, no turismo e no comercio local”.
La Vuelta en datos
La Vuelta Ciclista a España é seguida anualmente en 190 países, que chegan a unha audiencia real de 400 millóns de espectadores. A meirande parte dos seguidores están localizados en países de Europa, como Francia, Bélxica, Italia ou Noruega, entre outros, pero tamén están presentes en todo o arco americano, cunha grande audiencia en Colombia, e en Asia, con presencia en países como Xapón.