O Alcalde informa que o Concello de Monforte ven de obter 5 certificacións da Marca Q de Calidade Turística que o consolidan como destino turístico responsable, accesible e de excelencia


O Alcalde, acompañado polo responsable de Aenor en Galicia, e a Tenente de Alcalde, descubre a placa de Q de Calidade Turística do Museo do Viño da Ribeira Sacra

Monforte de Lemos, 23 de decembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe nunha rolda de prensa ofrecida ós medios de comunicación, “unha moi boa noticia para Monforte, eu diría que, unha máis”, relacionada coa promoción e a calidade dos servizos turísticos do Concello.

Nesta rolda de prensa, que se celebrou no Centro do Viño da Ribeira Sacra, estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Director da Sede Galicia de AENOR, José Enrique Rodríguez Coello.

A información comunicada polo Alcalde é que o Concello de Monforte de Lemos, ven de obter a certificación da Marca Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que é o distintivo de calidade do sector turístico de España. “Esta certificación obtivémola en 5 espazos turísticos do noso concello, o único Concello que obtén 5 Q de Calidade xuntas, o que demostra que, algo estamos facendo ben”.

A obtención desta certificación, que se logrou tras unha rigorosa auditoría, a cargo da empresa independente Aenor, que certificou o compromiso coa calidade na xestión dos servizos, sinónimo de prestixio, de excelencia e de rigor.

Deste xeito, auditáronse 5 espazos turísticos do Concello de Monforte, que acadaron esta certificación da Marca Q de Calidade Turística: a Oficina de municipal de Turismo, o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, a Oficina municipal de Atención ó Peregrino do Camiño de Inverno, o Miradoiro do Duque e a Torre da Homenaxe de San Vicente.

Estes espazos superaron con éxito os esixentes criterios de calidade establecidos polo ICTE, que avalían aspectos como a atención ao cliente, a accesibilidade, a seguridade, a sustentabilidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos turistas. “Con esta certificación, o Concello de Monforte de Lemos, reafirma o seu compromiso co turismo de calidade e a mellora continua da experiencia dos nosos turistas”, salientou José Tomé, quen engadiu que “a Marca Q é un símbolo de confianza e excelencia que posiciona ó noso municipio como un destino turístico de referencia dentro do panorama nacional. Este recoñecemento non só pon en valor os espazos certificados, senón tamén o esforzo conxunto do persoal e as institucións locais para ofrecer un servizo de calidade que satisfaga as expectativas dos turistas”.

Coa obtención da Marca Q, o Concello de Monforte de Lemos, reforza o seu compromiso coa promoción do turismo responsable e sostible, contribuíndo ó desenvolvemento económico da cidade e ó benestar dos cidadáns.

“Este recoñecemento é un paso máis na nosa estratexia de seguir consolidando a Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, como un destino turístico de calidade e excelencia para os nosos visitantes. Queremos seguir ofrecendo a quen nos visita un servizo impecable e unha experiencia única. Esta importante distinción recoñece o compromiso do noso Concello coa excelencia e a mellora continua na atención ao visitante e a oferta turística local, e tamén case comarcal” subliñou o Alcalde.

Tamén manifestou José Tomé que “fai poucas semanas, vimos con satisfacción como os medios de comunicación recollían a concesión de 1 Q de Calidade a Sober, pois ben, non menos importantes son as 5 Q de Calidade para o Concello de Monforte”.

Esta actuación conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

 

VANTAXES que obtén o Concello de Monforte de Lemos cos 5 distintivos da Marca Q de Calidad Turística

1- Mellora da calidade na atención ó turista.

A certificación da Marca Q é un recoñecemento ó esforzo realizado na mellora continua da calidade do servizo ofrecido ó turista. O proceso de auditoría realizado polo ICTE avalía aspectos clave como a atención ao cliente, a formación do persoal, a accesibilidade, a seguridade e a información dispoñible para os visitantes.

Ó obter esta certificación, Monforte de Lemos garante que os visitantes reciban unha atención de alto nivel en todos os recursos turísticos certificados, o que reforza a imaxe do municipio como destino turístico comprometido coa excelencia.

A mellora da calidade na atención ó turista favorece a fidelización dos mesmos, promovendo o retorno dos viaxeiros e o incremento da recomendación que se fai boca a boca.

2- Potenciación da imaxe e visibilidade do Concello.

A obtención da Marca Q reforza a imaxe de Monforte de Lemos como un destino turístico de calidade e confianza. A distinción percíbese como un selo de excelencia, apoiado por un organismo de recoñecido prestixio como o ICTE. Esta certificación pon a Monforte de Lemos no mapa do turismo nacional, aumentando a súa visibilidade tanto en medios de comunicación como en plataformas de promoción turística.

Ó ser a capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos posiciónase como un referente dentro do destino, o que pode atraer non só a turistas, senón tamén a investidores e profesionais do sector turístico interesados en desenvolver proxectos na zona, e tamén, “en algunha das zonas urbanísticas de Monforte. Xa saben que eu non falo por falar, así que, xa se verá a medio prazo”, indicou o Alcalde.

3- Incremento da competitividade no sector turístico.

A certificación Q coloca a Monforte de Lemos nunha posición competitiva fronte a outros destinos turísticos dentro de Galicia e España.

Os turistas hoxe en día buscan destinos que ofrezan altos estándares de calidade, e contar coa Marca Q permite ao municipio diferenciarse doutros destinos que non contan con este recoñecemento.

A obtención da certificación tamén favorece a inclusión de Monforte de Lemos en programas de promoción turística a nivel nacional e internacional, o que resulta nun incremento da chegada de turistas.

4-Mellora da xestión interna e a optimización dos recursos.

O proceso de auditoría para obter a certificación Q non só avalía a calidade do servizo ao turista, senón que tamén proporciona unha ferramenta de xestión para optimizar os recursos e mellorar os procesos internos.

A implementación de melloras na xestión da Oficina de Información Turística, no Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, na Oficina de Atención ó Peregrino, no Miradoiro do Duque e na Torre da Homenaxe contribúe a unha maior eficiencia na operación dos recursos turísticos, reducindo custos e aumentando a satisfacción dos visitantes.

5-Beneficios específicos para os recursos turísticos certificados.

-Oficina municipal de Turismo: A certificación asegura que a Oficina de Información Turística de Monforte de Lemos cumpre cos estándares máis altos en canto a atención ao cliente, dispoñibilidade de información actualizada e accesibilidade. Os visitantes poden contar cun servizo profesional e adecuado ás súas necesidades, o que aumenta a satisfacción e a posibilidade de repetir a visita.

-Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra: O centro, que é un eixo fundamental na promoción do Enoturismo na Ribeira Sacra, ve reforzada a súa capacidade para ofrecer unha experiencia educativa e de calidade sobre a viticultura e o viño. A certificación potencia a súa relevancia como atractivo turístico de primeiro nivel dentro da Ribeira Sacra.

-Oficina municipal de Atención ó Peregrino Camiño de Inverno: A certificación da Marca Q é especialmente relevante para os peregrinos que transitan polo Camiño de Inverno. Garante que a oficina cumpra cos estándares de servizo, accesibilidade e orientación necesarios para asegurar unha experiencia de peregrinaxe positiva e enriquecedora.

-Miradoiro do Duque e Torre da Homenaxe: Estes dous espazos singulares, ademais de ser puntos crave na oferta turística de Monforte de Lemos, benefícianse da certificación da Marca Q ó asegurar a calidade da información e a seguridade para os visitantes.

Ademais, refórzase a súa conservación e promoción como patrimonio cultural, natural e paisaxístico da Ribeira Sacra, cada un no seu enclave paisaxístico, histórico, artístico e patrimonial respectivamente.

 

Datos que avalan a importancia das certificacións obtidas

No que se refire a espazos singulares, nos que se inclúe a Torre da Homenaxe e o Miradoiro do Duque, en España, hai 7 espazos certificados deste tipo, 2 en Huelva, 2 Pontevedra e 3 Lugo, a Rede de Miradoiros de Sober, e agora a Torre da Homenaxe e o Miradoiro do Duque.

En canto a museos, en España, hai 36 establecementos certificados neste sector, e en Galicia 3, 2 en Pontevedra e 1 en Lugo, que é o Museo do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.

En España hai certificadas 235 oficinas de información turística, das cales 14 están en Galicia, e 3 delas na provincia de Lugo: a Oficina municipal de Turismo e a Oficina municipal de atención ó Peregrino de Monforte, ás que se engade a oficina de información turística de Chantada.

 

En conclusión, destacou o Alcalde, “a obtención da certificación da Marca Q de Calidade Turística por parte do Concello de Monforte de Lemos en 5 dos seus espazos turísticos é un logro significativo que posiciona ó noso municipio como un referente de calidade no sector turístico da Ribeira Sacra e de Galicia. Esta distinción non só mellora a imaxe do municipio e reforza a competitividade do destino, senón que tamén garante unha experiencia turística de excelencia para os visitantes, optimiza a xestión dos recursos turísticos e fomenta a sustentabilidade no sector”.

“En definitiva, a certificación da Marca Q é un paso fundamental para seguir consolidando a Monforte de Lemos como un destino turístico responsable, accesible e de calidade, capaz de atraer a un número crecente de turistas que buscan experiencias auténticas e satisfactorias”, concluíu José Tomé.