Monforte de Lemos, 15 de xaneiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, comunica que ven de informar a todos os veciños e veciñas da rúa Chantada, do “lamentable arranxo que fixo a Xunta de Galicia fai case dous meses en dita rúa” e que actualmente se atopa en peor estado que antes de que o organismo autonómico acometera as correspondentes actuacións de asfaltado.
A comunicación do Alcalde levouse a cabo mediante carta oficial, que foi enviada onte dende o servizo de Correos. Nela, o rexedor monfortino, informou ós veciños da defienciente actuación que a Xunta de Galicia levou a cabo na rúa Chantada, concretamente dende o cruce coa rúa Rof Codina á rotonda do Hórreo. Esta rúa forma parte da estrada de Chantada, que é titularidade da Xunta de Galicia, polo que, correspóndelle á Xunta a súa reparación.
A actuación desenvolta polo ente autonómico, que deu comezo o pasado 12 de novembro, consistíu nun bacheando por trozos, deixando outros sen bachear cun moi mal resultado, xa que apareceron novos baches máis grandes no asfalto novo, que os que había antes da reparación.
Polo tanto, “actualmente a rúa Chantada atópase en peor estado que antes de que o organismo autonómico acometera as correspondentes actuacións de asfaltado, semellando unha rúa de remendos”, sinalou o Alcalde, e engadiu que “curiosamente, no día de onte, a Xunta andivo rebacheando eses buratos que se formaron no asfalto novo que ten arredor de 2 meses, realmente incomprensible e da unha boa idea do mal que fixeron as obras”.
Previamente ás citadas actuacións, visto que a rúa Chantada contaba cun cada vez máis importante deterioro, dende o Concello de Monforte, a proposta de Alcaldía, o Pleno aprobou no pasado mes de abril de 2024 solicitarlle á Xunta de Galicia que renovara todo o firme dende o cruce do Cardenal ata a rotonda do Hórreo.
E o Concello suxería facer dita renovación a través dunha capa de aglomerado en quente igual que fai o Concello nas rúas que son municipais, cousa que a Xunta finalmente non levou a cabo, tal e como se pode observar no actual estado que presenta a rúa Chantada.
Na misiva remitida ós veciños, José Tomé tamén lles anunciou o envío dunha carta oficial, incluíndo fotografías do deficiente estado actual da rúa Chantada, á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, con copia ó Presidente da Xunta de Galicia, trasladando a queixa e o malestar por unha obra tan mal feita.
Na carta que o Alcalde remitirá á Xunta, solicitará permiso á Xunta para que autoricen ó Concello, a realizar unha mellora integral da capa de rodadura con aglomerado en quente, ben sinalizada, “tal como merecen os veciños e as veciñas da rúa Chantada e todos os monfortinos e as monfortinas”.
Tras a deficiente actuación acometida pola Xunta de Galicia na rúa Chantada, o Alcalde procedeu a enviar dita carta informativa a todos os veciños de dita rúa, “co ánimo de que estean ben informados e para evitar bulos intencionados sobre estas obras”. En total, foron enviadas unhas 700 cartas informativas.