TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 13 DE MARZO DE 2025, CULTURACTIVA con AS ALUMNAS

O xoves 13 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a terceira cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2025 en Monforte de Lemos.

A compañía CULTURACTIVA representa AS ALUMNAS obra escrita por Paula Carballeira, dirixida por Fina Calleja e interpretada por Mónica Caamaño e Anabell Gago.

Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Porén, son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A  través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.


 
A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

A forma da peza parte desa pedagoxía que recolle María Barbeito de Maria Montessori ou Ovide Decroly: centros de interese, láminas ilustradas, a torre rosa, as imprentas infantís, os traballos de clase, os debuxos, a música, a  observación da natureza, o coidado e o respecto polas necesidades de aprendizaxe de cada nena.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.