O Alcalde enxalza o potencial turístico da Ribeira Sacra na primeira xornada de FITUR 2025


                                             Presentación do Xeodestino Ribeira Sacra do Consorcio de Turismo

Monforte de Lemos, 22 de xaneiro de 2025. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores en Madrid na Feira Internacional de Turismo (FITUR) na presentación do xeodestino Ribeira Sacra, Candidatura a Patrimonio Mundial e compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua, que se celebrou no stand de Turismo de Galicia. A este acto tamén asistiu o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, o Presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e o Presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, entre outras autoridades.

O mandatario monfortino subliñou que a comarca da Ribeira Sacra é “un destino que sempre me gusta definir como un anaco de paraíso no interior de Galicia. Un recuncho singular que non é simplemente unha paisaxe excepcional, senón que se trata dun enclave inigualable que representa parte da nosa tradición e historia”.

Na súa intervención, Tomé Roca lembrou que “estamos vivindo un momento crucial para esta comarca coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade” e recalcou que “a Deputación de Lugo impulsou, desde un primeiro momento, a consecución desta distinción internacional e continuaremos realizándoo para que a Ribeira Sacra reciba este prestixioso recoñecemento”. Por último, rematou facendo fincapé na importancia de traballar “de forma conxunta para facelo realidade”.

 

Presentación da guía "E para comer Lugo"


                                  Presentación da nova guía turístico gastronómica da APHEL

Ademais destes actos, José Tomé tamén asistiu, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, á presentación da XVII edición da guía da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL) ... E para comer Lugo, na que o Concello de Monforte de Lemos ten o seu espazo específico onde amosa a rica oferta patrimonial, cultural, gastronómica e medioambiental da que é a capital da Ribeira Sacra.