Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús urbano de Monforte no pasado ano 2024, que alcanzou os 82.580 usuarios.
O dato é moi relevante porque “a media mensual neste 2024 supera ás 6.800 persoas ó mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico no que superamos a cifra de 82.500 viaxeiros, nunca alcanzada neste servizo. Os datos son fantásticos”, destaca o Alcalde.
Do mesmo xeito, o rexedor monfortino subliñou que “o novo bus urbano gratuíto e accesible de Monforte transportou, os 82.580 usuarios do ano 2024, son 29.895 usuarios máis que en 2021 (52.685 usuarios, un 56,75% máis), son 18.756 usuarios máis que en 2022 (63.824 usuarios, un 29,38% máis), e son 13.923 usuarios máis que en 2023 (68.657 usuarios, un 20,27% máis), o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo municipal e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.
“Dende o Concello”, destaca o Alcalde, “estamos moi satisfeitos por estes datos, que se traducen nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores á posta en marcha da gratuidade do servizo, pois en 2019 foron 14.422 os usuarios, e deuse un incremento progresivo e exponencial, desde que entrou en funcionamento en 2020. De 2019 a 2024, incrementamos os usuarios en 68.158 persoas, un 472% máis”.
O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas que se traduce nese incremento de uso moi significativo en comparación con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha moi alta aceptación social que se reflexa no incremento de viaxeiros ano a ano, o que demostra o acertado e o éxito desta medida”.
Desglose de usuarios en 2024
Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios en 2024 foi o seguinte:
Mes |
Número de viaxeiros 2023 |
Número de viaxeiros 2024 |
Xaneiro |
5.480 |
5.663 |
Febreiro |
5.318 |
4.812 |
Marzo |
6.591 |
6.564 |
Abril |
4.326 |
7.809 |
Maio |
6.198 |
7.841 |
Xuño |
5.929 |
6.444 |
Xullo |
5.152 |
6.415 |
Agosto |
5.814 |
5.882 |
Setembro |
6.480 |
7.512 |
Outubro |
6.626 |
8.519 |
Novembro |
5.886 |
8.050 |
Decembro |
4.857 |
7.069 |
Total |
68.657 |
82.580 |
Comparativamente, de xaneiro a marzo de 2024 con respecto ós mesmos meses de 2023, as cifras son similares, pero de abril a decembro, os incrementos en 2024 prodúcense en todos os meses dese período. E cabe destacar cifras nunca alcanzadas de máis de 8.000 usuarios por mes, que se deron nos meses de novembro (8.050 usuarios) e de outubro (8.519 usuarios), que foi o mes que máis usuarios tivo en 2024 e na historia do servizo.
Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día
O Bus urbano municipal que comezou o seu servizo no Concello de Monforte o 1 de febreiro de 2020 é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.
Neste senso, o Alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.
“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.”
Para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do Executivo de José Tomé, pois nos seus orzamentos mantén ano a ano as axudas destinadas ó bus para estudantes universitarios e de ciclos formativos que para este ano 2025 alcanzan os 25.000€ e que serven para axudar a sufragar os gastos das viaxes dos estudantes monfortinos fora da cidade. E do mesmo xeito, a partida do servizo de buses escolares, que dan servizo ó alumnado do Colexio Novo e o Colexio de A Gándara, aínda que non sexa obrigatorio dar este servizo por parte do Concello, segue sendo de 25.000€ ó ano.