O Bus Urbano municipal de Monforte superou os 82.500 viaxeiros no ano 2024, a mellor cifra da súa historia


Foto de arquivo: Presentación polo Alcalde e o Equipo de Goberno do novo Bus Urbano de Monforte, o 1 de febreiro de 2020

Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús urbano de Monforte no pasado ano 2024, que alcanzou os 82.580 usuarios.

O dato é moi relevante porque “a media mensual neste 2024 supera ás 6.800 persoas ó mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico no que superamos a cifra de 82.500 viaxeiros, nunca alcanzada neste servizo. Os datos son fantásticos”, destaca o Alcalde.

Do mesmo xeito, o rexedor monfortino subliñou que “o novo bus urbano gratuíto e accesible de Monforte transportou, os 82.580 usuarios do ano 2024, son 29.895 usuarios máis que en 2021 (52.685 usuarios, un 56,75% máis),  son 18.756 usuarios máis que en 2022 (63.824 usuarios, un 29,38% máis), e son 13.923 usuarios máis que en 2023 (68.657 usuarios, un 20,27% máis), o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo municipal e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.

 “Dende o Concello”, destaca o Alcalde, “estamos moi satisfeitos por estes datos, que se traducen nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores á posta en marcha da gratuidade do servizo, pois en 2019 foron 14.422 os usuarios, e deuse un incremento progresivo e exponencial, desde que entrou en funcionamento en 2020. De 2019 a 2024, incrementamos os usuarios en 68.158 persoas, un 472% máis”.

O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas que se traduce nese incremento de uso moi significativo en comparación con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha moi alta aceptación social que se reflexa no incremento de viaxeiros ano a ano, o que demostra o acertado e o éxito desta medida”.

 

Desglose de usuarios en 2024

Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios en 2024 foi o seguinte:

 

 

Mes

Número de viaxeiros 2023

Número de viaxeiros 2024

Xaneiro

5.480

5.663

Febreiro

5.318

4.812

Marzo

6.591

6.564

Abril

4.326

7.809

Maio

6.198

7.841

Xuño

5.929

6.444

Xullo

5.152

6.415

Agosto

5.814

5.882

Setembro

6.480

7.512

Outubro

6.626

8.519

Novembro

5.886

8.050

Decembro

4.857

7.069

Total

68.657

82.580

 

Comparativamente, de xaneiro a marzo de 2024 con respecto ós mesmos meses de 2023, as cifras son similares, pero de abril a decembro, os incrementos en 2024 prodúcense en todos os meses dese período. E cabe destacar cifras nunca alcanzadas de máis de 8.000 usuarios por mes, que se deron nos meses de novembro (8.050 usuarios) e de outubro (8.519 usuarios), que foi o mes que máis usuarios tivo en 2024 e na historia do servizo.

 

Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día

O Bus urbano municipal que comezou o seu servizo no Concello de Monforte o 1 de febreiro de 2020 é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.

Neste senso, o Alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este  novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.”

Para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do Executivo de José Tomé, pois nos seus orzamentos mantén ano a ano as axudas destinadas ó bus para estudantes universitarios e de ciclos formativos que para este ano 2025 alcanzan os 25.000€ e que serven para axudar a sufragar os gastos das viaxes dos  estudantes monfortinos fora da cidade. E do mesmo xeito, a partida do servizo de buses escolares, que dan servizo ó alumnado do Colexio Novo e o Colexio de A Gándara, aínda que non sexa obrigatorio dar este servizo por parte do Concello, segue sendo de 25.000€ ó ano.