Monforte de Lemos, 13 de febreiro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, mantivo na tarde de onte mércores 12 de febreiro unha xuntanza de traballo coa nova directiva do Club Lemos de fútbol.
Deste xeito, o novo presidente do Club, Antonio López, que foi elixido polos socios o pasado sábado 18 de xaneiro de 2025, acudiu á Casa do Concello, xunto coa súa nova directiva, para presentarlla ó Alcalde monfortino.
Na xuntanza entre o rexedor monfortino, que estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os membros do novo equipo directivo do Club Lemos, estes explicáronlle ó Alcalde o seu proxecto de presente e de futuro para esta entidade deportiva, cuxo equipo de fútbol masculino milita actualmente no grupo 1-norte da Preferente Galicia.
Pola súa banda, o Alcalde manifestou o seu apoio ó club, que se materializa cunha axuda anual de 18.000 euros, e desexoulle á nova directiva e ó seu presidente os maiores éxitos deportivos e de xestión nesta nova etapa que veñen de iniciar á fronte do Club Lemos.
Cabe recordar tamén que o Alcalde leva investido no campo en que o Club Lemos disputa os seus partidos, o Campo municipal de fútbol de A Pinguela, nos últimos anos 310.000 euros, na a renovación do céspede do terreo de xogo, a instalación dunha nova iluminación interior e exterior do campo e das pistas de atletismo, a instalación dun novo videomarcador LED e a recente contratación da renovación dos parasois da grada.
Ao encontro co Alcalde, acudiron, ademais do presidente Antonio López, o tesoureiro José Manuel Rodríguez, e os vocais, Diego Tomé, Miguel Ángel López, Óscar Moure e Jesús Javier Gómez. Tamén estivo presente na reunión Juan Rodríguez, que é un colaborador do club.