A Tenente de Alcalde e a Concelleira de Muller e Igualdade presentan o programa de actos que o Equipo de Goberno de Monforte organiza arredor do 8 de marzo “Día internacional da Muller”

Monforte de Lemos, 6 de marzo de 2025. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, deron a coñecer hoxe en rolda de prensa ante os medios de comunicación programa deseñado polo Concello arredor do 8 de marzo, Día internacional da Muller.

O Concello de Monforte e o CIM non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller, e por iso idearon un completo programa cuxo obxectivo é “facer actividades e propostas transformadoras que contribúan a eliminar na nosa sociedade as estruturas machistas e patriarcais que desgraciadamente seguen presentes no fondo de toda estrutura social y política das nosas vidas”, subliñou a Tenente de Alcalde.

Gloria Prada, que desculpou a presencia do Alcalde nesta rolda de prensa na que non puido estar presente por motivos de axenda,  destacou na súa intervención que “dende o Executivo de José Tomé sempre traballamos xunto ó movemento feminista, e seguiremos a traballar para facer realidade a igualdade entre homes e mulleres, para avanzar nos dereitos e liberdades das mulleres. A nosa meta é sentar as bases para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva”.

A continuación, a Concelleira de Muller e Igualdade deu conta da axenda de actividades que dende o Concello se veñen planificando nos últimos meses con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, ideadas dende a Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM).

 

Campaña informativa e de concienciación

A campaña informativa e de concienciación arredor do 8M desenvolverase do 5 ó 14 de marzo, e consistirá, tal e como se fixo dende o Concello en campañas como o 25-N,  na instalación dun vinilo no Bus Urbano municipal, co obxectivo de sensibilizar a poboación monfortina é de facer un chamamento a participar na concentración do 8M, acto conmemorativo do propio día.

O propio 8 de marzo, iluminarase de cor malva a Torre da Homenaxe co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.

 

Sábado 8 de marzo, acto central do Día Internacional da Muller

O acto central conmemorativo do “Día Internacional da Muller” terá lugar o sábado 8 de marzo ás 12:30 horas no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes, espazo no que se inaugurará un Mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar, a cal nestes días está a rematar de pintar dito mural.

“Con este mural quixemos render unha homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban este traballo tan duro e tan necesario na vida daqueles tempos e, como de costume, era tan pouco valorado”, explicou Margarita López, quen describiu tamén en que consiste o mural.

O formato horizontal do muro do Espazo do Cuadrado determinou a composición de Xoana Almar: unha fileira de mulleres nun primeiro plano lavando no río. O estilo ten relación coa pintura de Xosé Vizoso, artista gráfico de Mondoñedo, recentemente falecido, a través da composición formada por figuras sinxelas e expresivas.

Nun dos laterais do mural poderase ler “Lavandeiras” e no  outro “do Río Cabe”, con letras que continúan a paisaxe e que se debuxan recortando a pintura e sen trazar.  Sobre a “ese” de “Lavandeiras” unha lavandeira paxaro observa a estas mulleres.

Respecto da autora do mural, Xoana Almar é unha artista nada en 1983 en Santiago de Compostela. Licenciada en Economía pola USC, licenciada en Antropoloxía Social pola Universidade de Granada e conta cun Ciclo Superior de Ilustración da Escola de Arte de Granada.

No 2013 creou xunto a Raquel Doallo e Miguel Peralta a empresa cooperativa Cestola, onde se adican á pintura, a ilustración e o muralismo, pintando sobre todo murais en festivais, para Administracións Públicas, empresas, asociacións e particulares, contando actualmente con máis de 100 murais realizados. A maioría deles son realizados en cidades, pobos e aldeas galegas, pero tamén traballaron en Madrid, Valencia, Estremadura, Aragón, Asturias, Andalucía e Euskadi, e en países como Portugal, Alemaña e Francia.

Tras a inauguración do mural adicado ás lavandeiras, procederase á Lectura do Manifesto, que correrá a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade. E tras el, repartirase entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado coa imaxe do Mural, en concreto, libretas e bolsas de tela.

Tanto o Mural como o material de sensibilización están financiados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2024.

 

Obradoiros para o alumnado de Educación Primaria

Como en pasados anos, o Concello segue ideando obradoiros tanto para alumnos e alumnas de Primaria coma de Secundaria, dado o éxito e a efectividade que teñen entre o estudantado.

Para os alumnos e as alumnas de 6º de Educación Primaria, “organizamos un  Escape Room Virtual titulado “Bruxas e Meigas en Serra da Veiga, que ten por obxectivo promocionar a igualdade efectiva entre mulleres e homes a través dunha aproximación histórica ao fenómeno da caza de bruxas e o movemento feminista” destacou a Concelleira de Muller e Igualdade.

Despois de resolver o xogo co alumnado realizarase unha explicación na que se analizarán os contidos e situacións observadas na historia e reflexionarase sobre a orixe, evolución e pertinencia do movemento feminista, facendo unha análise histórica que desemboque no presente. Esta última fase da actividade conxúgase como unha acción educativa en igualdade na que o alumnado poderá comprender a evolución dos estereotipos de xénero e reflexionar sobre o seu mantemento, reprodución, incidencia e impacto na vida en termos actuais.

As profesionais encargadas de levar a cabo o obradoiro son Sonia Fernández Bertólez e Ester Cano González, ambas traballadoras sociais con formación en xénero e igualdade. cada sesión terá unha duración de execución de 100 minutos.

Na actividade, que terá lugar os días 10, 11, 12 e 13 de marzo, participará o alumnado de 6º de Primaria dos Escolapios, do Ferroviario, do Torre de Lemos, do Colexio A Gándara, do Colexio Novo e do CEE Infanta Elena.

 

Obradoiros para o alumnado de Educación Secundaria

Respecto do alumnado de Educación Secundaria, desenvolveremos co alumnado de 2º ESO un Obradoiro titulado “Convivencia dixital en igualdade: como previr a violencia de xénero” no que se lle explicará ao alumnado son as oportunidades que nos brindan e que riscos poden presentarse ao facer uso de internet e outras tecnoloxías. Así mesmo, farán prácticas saudables e reflexivas, así como as medidas para evitar conflitos e adquirir competencias en materia de igualdade.

A actuación será levada a cabo por Pantallas amigas, unha entidade que nace no ano 2004 coa misión da promoción do uso seguro e saudable da internet, así como o fomento da cidadanía responsable na infancia e na adolescencia.

A formadora Onintze Sojo Martin, criminóloga e traballadora social especializada en igualdade abordará de forma preferente temáticas como como o ciberbullynd, sexting, sextorsión, grooming, ciberviolencia de xénero, revenge porn, seguridade e privacidade...empregando recursos didácticos audiovisuais exclusivos de Pantallas Amigas e exemplos prácticos para ilustralos promovendo a participación do alumnado.

A actividade desenvolverase os días 10, 11 e 12 de marzo nos Escolapios, Ferroviario, Torre de Lemos, e nos institutos de A Pinguela e Daviña Rey.

 

Charla “Convivencia dixital en igualade: como previr a violencia de xénero

O martes 11 de marzo ás 20:00 h no Salón de actos da Casa da Cultura “Lois Pereiro” realizarase unha charla informativa dirixida as familias, persoal docente e público en xeral a cargo de Pantallas Amigas,  terá como obxectivo ofrecer unha perspectiva educativa e analizar medidas de prevención que nos permitan acompañar aos nosos fillos e fillas dende a educación dixital positiva para facer fronte ás situacións de risco derivadas do uso da Internet, móbiles e outros servizos e tecnoloxías conectadas, así como os hábitos de uso e os beneficios que estes aportan.

 

Maxia para toda a familia e teatro para adultos

O domingo 9 de marzo ás 18:00 h. no Salón de Actos da Casa da Cultura levarase a cabo un espectáculo de maxia educativaA igualdade non ten truco da compañía profesional de ilusionismo Magia en la Manga, que terá unha duración de 60 minutos, con entrada gratuíta e irá dirixida ao público familiar.

Neste espectáculo divertido e máxico para todos os públicos que transmite ademais unha mensaxe esencial para a sociedade actual: promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas.

O dúo conformado pola maga Sara Rodríguez e o mago Carlos Tomico realizarán misterios e imposibles que ademais nos levarán por diferentes ideas e conceptos do feminismo e da igualdade de xénero. Viaxes e transformacións inexplicables, un conto de fadas reinventado, ou unha volta atrás no tempo á época das primeiras e máis importantes magas; son algúns exemplos que poderemos ver neste espectáculo cheo de sorpresas ata o final, onde nada é o que parece. En definitiva unha aventura máxica para toda a familia na que descubriremos que, efectivamente, a igualdade de xénero non ten truco ningún.

Finalmente, o xoves 13 de marzo ás 20:15 h no Edificio Multiusos terá lugar unha nova cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

En colaboración coa Concellería de Cultura desenvolverase a representación teatral As Alumnasa cargo da Compañía Culturactiva.

As Alumnas trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil que percorren diferentes camiños e que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

As Alumnas busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da nosa comunidade.

Un ano máis aplicando as políticas de igualdade dun xeito transversal a concellería de cultura colabora ca concellería de muller e igualdade incluíndo na súa  programación obras teatrais con perspectiva de xénero.

A Concelleira de Muller e Igualdade concluíu a súa intervención destacando que “organizamos un amplo e completo abano de actividades, dirixidas a todos os estamentos da nosa sociedade, porque dende o Equipo de Goberno do Concello queremos unha sociedade paritaria, participativa e igualitaria, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito, unha sociedade que camiñe cara á igualdade real e efectiva”.

Neste senso, Margarita López animou “a todos os monfortinos e monfortinas a que participen nestas actividades e quero convocalos especialmente a que nos acompañen este sábado 8 de marzo no Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes para celebrar o Día Internacional da Muller”.

“O noso obxectivo é acadar unha sociedade onde non teñan cabida as discriminacións por razón de xénero nin as violencias machistas, e na que esperamos que chegue o día en que non sexa necesario seguir reivindicando nada disto” subliñou a concelleira monfortina.

 

Datos do CIM de Monforte

No ano 2024 realizáronse 1.713 consultas no Centro de Información á Muller de Monforte, nas áreas xurídica, psicolóxica, de atención a vítimas de violencia de xénero, orientación de emprego ou recursos. Foron 219 mulleres atendidas a través destas 1.713 consultas. En 2023, foron 1.536 consultas, sendo atendidas 203 mulleres.

No que vai de ano 2025, ata principios de marzo, realizáronse 316 consultas.