O Concello de Monforte pon en marcha as actividades para conmemorar o “Día internacional da Muller”

-Onte votaron a andar as actividades que se programaron dende a Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM) en conmemoración do “Dia Internacional da Muller” e que se desenrolarán durante todo o mes de marzo.

-Mañá as 12.00 h na Praza do Concello celebrarase o considerado como acto central de toda a programación, que consiste na lectura do manifesto en defensa da igualdade e este ano, ademáis, vanse repartir entre os presentes, “plantas da igualdade”, unha representación metafórica do esforzo e coidado diario que temos que facer entre todos para conseguir a meta perseguida, a igualdade real na vida cotidiá.

-A campaña informativa e divulgativa “Monforte pola igualdade” e os obradoiros dirixidos a alumnos de primaria van a desenrolarse durante o mes de marzo coa finalidade de manter vivo o espírito do 8 de marzo durante os 365 días do ano para que a sociedade siga avanzando cara a igualdade real entre homes e mulleres.

Monforte de Lemos, 7 de marzo de 2022. O Concello de Monforte e o CIM non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller.

Este venres pasado, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada en representación de José Tomé, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e o Concelleiro de deportes, Xosé Manuel Mougán, deron a coñecer o programa deseñado polo Concello arredor do  Día internacional da muller.

O programa este ano vaise desenrolar baixo a mensaxe “A igualdade non é flor dun día”, un chamamento a manter vivo o espírito do 8M durante os 365 días do ano  para que a sociedade siga avanzando cara a igualdade real entre homes e mulleres.

O simbolismo da campaña

Segundo a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a elección do lema ten un dobre simbolismo. Por  un lado, eleva a voz no día no que se producen máis actos e mostras de apoio á muller e á eliminación de todo tipo de discriminacións por cuestións de xénero, para destacar a importancia de manter prendida durante todo o ano a chama desta data. "Hoxe e sempre debemos cultivar a conciliación, a corresponsabilidade, o respecto... só así, alcanzaremos a meta, que é a igualdade”, asegurou a representante municipal.

Por outra banda, a mensaxe tamén pon en valor o traballo feito. “Se miramos atrás vemos que superamos importantes obstáculos, que a igualdade non é flor dun día, senón froito do esforzo de moitas xeracións ás que debemos tanto. Estamos máis preto, pero como sociedade temos a responsabilidade de seguir dando pasos cara adiante ata acadar o obxectivo. É a obriga de todas e de todos, seguir escribindo un presente e un futuro máis xusto”.

Mércores 8 de marzo, acto central do Día Internacional da Muller.

O mércores 8 de marzo, ás 12:00 horas, e como é tradición, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez procederá á Lectura do Manifesto na Praza do Concello.

Para simbolizar a importancia de practicar a igualdade todos os días asociarase o lema a unha simboloxía relacionada coas flores, as plantas e as árbores transmitindo a necesidade de coidar, abonar e regar todos os días esta loita para que continúe medrando.

Con este fin, repartiranse no propio acto entre a cidadanía varios exemplares de Plantas da Igualdade que levarán ás súas casas para coidar a diario, do mesmo xeito que teríamos que coidar a igualdade.

Tamén se lle explicará á cidadanía o significado da presencia en diferentes rúas da cidade dunhas macetas de gran tamaño e co lema “A igualdade non é flor de un día” que teñen o fin de lembrarnos a todos a necesidade de promover e practicar a igualdade na vida cotidiá.

Tras a lectura do manifesto, haberá unha actividade participativa na que varios representantes de colectivos sociais, aportarán un puñado de terra ás Plantas da Igualdade lendo en alto a aportación que cada un deles fai de maneira individual con respecto a esta loita que é a de todos.

As plantas da Igualdade tamén se repartirán nos centros educativos entre os nenos e nenas de primaria e infantil fomentando unha educación en igualdade desde idades temperás.

Aínda que este se considera o acto central que coincide coa propia data de conmemoración  do Dia da Internacional da muller, dende a Concellería de Muller e Igualdade, deseñaron un amplo programa de actividades que se desenrolarán durante todo o mes e que, na súa maioría, van destinados ás pequenas e pequenos, porque a igualdade ten que tratarse dende a educación e a ensinanza destes valores dende as idades mais temperás.