O xoves 27 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos o Concello de Monforte continúa coa programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2025 na nosa cidade. A compañía GALEATRO PRODUCIÓNS ESCÉNTRICAS representa ARTE SEN GUIÓN obra escrita e dirixida por Miguel Canalejo e interpretada por Alba Bermudez, Tone Martínez, Miguel Canalejo e Alba Nogueira. A derradeira banda de comedia da Idade Media quere presentar ante o público un espectáculo coma os que representaban na sua época, pero con tanta festa e tanta viaxe no tempo esqueceron todos os seus diálogos. Ante a imposibilidade de atopar os escritos do seu repertorio, tratarán de improvisar o seu número, deixando que a intuición, o oficio e a música sexan a guía para levar a cabo unha función ao máis puro estilo do seu século.
Arte sen guión é unha peza teatral excepcionalmente divertida baseada na improvisación e no teatro cómico e onde o público ten un papel moi importante. Arte sen guión é a primeira produción para público adulto da compañía Galeatro, unha coprodución do Centro Dramático Galego con presencia en festivais tan relevantes como a MIT de Ribadavia ou o Festival internacional de Teatro clásico de Almagro, entre outros.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.