TEATRO INFANTIL E FAMILIAR NO EDIFICIO MULTIUSOS /DOMINGO 16 DE MARZO DE 2025 ÁS 18:00h, MAGÍN BLANCO presenta A NENA E O GRILO CAMIÑO DAS CORES

O domingo 16 de marzo ás 18:00 h e no Edificio Multiusos terá lugar unha cita co teatro para público infantil e familiar dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia en Monforte de Lemos do 2025.

A compañía MAGÍN BLANCO presenta A NENA E O GRILO CAMIÑO DAS CORES, obra dirixida a un público a partir de 4 anos, baixo a autoría de Magín Blanco e Pepablo Patinho, dirixida por Pepablo Patinho e coa interpretación de Montse Piñón López, Pedro Pablo Patiño Peña, Jorge Casas Caneiro, Magín Blanco García e Pablo Vidal Mendoza.

A Nena e o Grilo camiño das cores é unha montaxe teatral de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos xunto á Banda das Apertas en directo. É a última e cuarta entrega de A nena e o grilo, o musical infantil máis aclamado do panorama galego.

O fío condutor desta peza son os camiños, as peregrinacións nas que as camiñantes buscan atoparse consigo mesmas, a vida que avanza e non sabemos a onde nos leva.

A Nena xunto coa Banda das Apertas que a acompaña emprenderá unha viaxe chea de aventuras e sorpresas na que descubrirá que o seu anhelo non é outra cousa que a amizade. Unha nova entrega da saga para público familiar para viaxar ao País das Apertas!

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para nenos, desempregados, xubilados e estudantes.