TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 30 DE XANEIRO DE 2025 - NINGURES PRODUCIÓN con AS GARDIÁS

O xoves 30 de xaneiro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos o Concello de Monforte programa a primeira cita co teatro para adultos do primeiro semestre de 2025 dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia.

A compañía NINGURES PRODUCIÓN presenta AS GARDIÁS, obra dirixida por Cristina Domínguez e interpretada por Casilda Alfaro, Melania Cruz, Amparo Martínez, Rebeca Montero e Sonia Rúa.

AS GARDIÁS, ou o dereito a decidir como xestionar a nosa propia vellez.

O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular dunha vila obreira, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se atopa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade e artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria de que a súa é a postura mellor.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.