Monforte de Lemos é un concello do sur da provincia de Lugo (Galicia). Capital da comarca Terra de Lemos e da Ribeira Sacra é o núcleo de poboación máis grande da provincia, despois de Lugo.
O concello ocupa un val entre os ríos Miño e Sil e a cidade crúzaa o río Cabe. Cunha superficie de case 200 km2 e a 300 metros sobre o nivel do mar, Monforte de Lemos entendeuse sempre como a entrada natural a Galicia desde Castela.
A historia de Monforte de Lemos estivo sempre vinculada ao Mosteiro de San Vicente do Pino. Nos séculos XVI e XVII Monforte de Lemos acada trascendencia internacional coa persoa de Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos e Virrei de Nápoles. Tamén nesta época o Cardeal Rodrigo de Castro proxecta o Colexio Nosa Señora da Antiga, (Escolapios), edificio emblemático da cidade, coñecido como o Escorial Galego.
En 1883 o rei Alfonso XII inaugura a líña férrea entre Madrid e A Coruña, convertendo a Monforte no nó ferroviario de Galicia. Dous anos despois, por decreto real, Afonso XII outórgalle a Monforte o título de "cidade", en agradecemento polos esforzos para a chegada do ferrocarril. Comeza unha nova época de crecemento social, económico e cultural.
Hoxe Monforte de Lemos segue sendo cabeceira de comarca, centro administrativo e a capital da Ribeira Sacra. O turismo é un dos dinamizadores do concello e da contorna, ademais da importante actividade cultural e social.