O Alcalde e a concelleira de educación e cultura reuníronse esta tarde cos pais e nais da gardería da Obra Social de Novacaixagalicia, coa finalidade de explicarlles o contido da entrevista que o rexedor monfortino mantivo esta mañá con representantes da entidade bancaria, reunión á que se sumaron dous representantes dos pais e nais do citado centro.
Severino Rodríguez comentou que Novacaixagalicia ten cinco traballadoras na gardería, tres con carácter fixo, das cales dúas están apunto de prexubilarse, e dúas contratadas temporais, polo cal a entidade bancaria non tería problemas coas súas traballadoras.
Segundo comentou o rexedor, Novacaixagalicia propúxolle á Xunta prestar o edificio e facilitar o seu mantemento durante dous anos, evitando así o peche inmediato das instalacións sempre e cando a Xunta de Galicia asumise a titularidade do comedor do centro. Os pais presentes na reunión da mañá corroboraron o exposto polo Alcalde, confirmando que a entidade bancaria propiciaría un peche gradual das instalacións para, no prazo deses dous anos, poder buscar unha solución antes de que Novacaixagalicia abandonase definitivamente as instalacións.
Severino Rodríguez propúxolle ós pais e nais da gardería xestionar unha reunión urxente coa participación de representantes da Xunta de Galicia (en concreto das Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar), de Novacaixagalicia, do Concello, dos pais e nais da gardería e dos traballadores do centro.
Outra das propostas do Alcalde foi que se abrira o prazo de matrícula, algo imprescindible para valorar a demanda real de prazas que tería o centro.
Finalmente, o máximo mandatario da cidade dixo que o Cocello non tería problemas para que os nenos e nenas da gardería municipal se trasladasen para a gardería de Novacaixagalicia, centralizando e potenciando o servizo de gardería en Monforte. O Alcalde matizou que esta decisión requería de tempo e de chegar a acordos coa empresa que xestiona o parvulario municipal.
Os pais e nais que asistiron á reunión aceptaron as propostas do Alcalde e invitárono a convocar esa reunión urxente para o próximo venres, día 9 de marzo, ás 17:00 horas na propia gardería de Novacaixagalicia.
Severino Rodríguez insistíu en que o obxectivo de todos debe ser evitar o peche da gardería, admitindo que a misión non é doada porque hai moitas partes implicadas e cuestións de difícil solución. O Alcalde indicou que a Xunta de Galicia non se dirixira ó Concello para comunicar esta situación, e que el só tiña información de Novacaixagalicia ó respecto.
Severino Rodríguez insistiu en que as competencias das garderías son exclusivas da Xunta, e que este problema non era froito da casualidade senón que estaba motivado porque o goberno galego permitira a desaparición da Obra Social a raíz da fusión das dúas caixas, fusión na que a Xunta tivo grandes competencias.
Finalmente, o Alcalde informou ós asistentes á reunión sobre o custo da gardería municipal, cantidade que cifrou en 140.000 euros anuais distribuídos da seguinte maneira: Concello 49.000 €, Deputación de Lugo 39.000 €, e Xunta de Galicia 23.000 €, aportando os usuarios os 29.000 € restantes.
En documentos adxuntos poden escoitar as diferentes valoracións que fan tanto os pais e nais da gardería como o Alcalde sobre a situación actual e sobre as posibles solucións para que o centro non peche.