A reunión convocada polo Alcalde para buscar solucións ó peche da gardería da Obra Social de Novacaixagalicia celebrouse pasadas as 18:30 horas da tarde de hoxe.
Finalmente non puido asistir ningún representante da Consellería de Traballo e Benestar, entidade responsable dos centros para nenos e nenas de 0 a 3 anos, pero si o fixeron representantes das demais institucións convocadas.
En representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asistiu o Xefe Territorial en Lugo, José Jesús Ramos Ledo, e en representación de Novacaixagalicia estivo o Xerente da Obra Social, Guillermo Brea.
O Alcalde, Severino Rodríguez, a concelleira de educación e cultura, Pilar López, e representantes dos pais e nais e dos traballadores do centro completaron a asistencia á xuntanza.
Severino Rodríguez manifestou que houbera boa vontade e ánimo de colaboración por parte de tódolos asistentes á reunión. O Alcalde destacou que se produciran avances e que pode ser que a próxima semana poidamos falar dunha solución ó peche do centro.
Severino Rodríguez dixo que a Xunta de Galicia deberá analizar algunha das cuestións que se puxeron enriba da mesa antes de dar unha resposta definitiva.
Antes de iniciarse a reunión o Xerente da Obra Social manifestou que Novacaixagalicia non abriría a gardería para nenos/as de 0 a 3 anos, amparándose no descenso dun 60 % de matrículas dende o ano 2001 e na xubilacón dos seus traballadores. Guillermo Brea dixo que estaban dispostos a ceder o edificio para que a Xunta continuase coa escola infantil e que había outras posibilidades que estaban dispostos a estudar.
O Xefe Territorial da Consellería de Educación tamén fixo declaracións antes da reunión, explicando que Monforte ten cuberta a oferta de ensino infantil con cinco colexios e amosándose disposto a dar respostas positivas ós plantexamentos que se formularan na xuntanza. José Jesús Ramos considerou unha alternativa viable o traslado da gardería municipal para as instalacións de Novacaixagalicia e incluso falou doutras posibilidades para que o centro non pechara as súas portas.
Nos documentos adxuntos poden escoitar as declaracións de Guillermo Brea e José Jesús Ramos.