O Presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe venres o concello de Monforte, onde foi recibido polo Alcalde e os/as voceiros/as dos grupos políticos municipais.
Gómez Besteiro reuniuse conxuntamente con Severino Rodríguez e cos portavoces municipais e, posteriormente, mantivo unha entrevista de carácter privado co Alcalde.
O parque de bombeiros, o ferrocarril, e a obra de iluminación do paseo fluvial foron as cuestións centrais sobre as que conversaron o Presidente da Deputación e o Alcalde.
Rematada a reunión, Gómez Besteiro e Severino Rodríguez visitaron a zona do paseo fluvial onde se executan obras de iluminación financiadas polo organismo provincial con cargo ó canon hidroeléctrico. Trátase do tramo entre o Malecón e a ponte da ronda urbana que descorre paralelo á finca do Fogar San Xosé.
As obras, cun prazo de execución de dous meses, completarán a iluminación do tramo urbano do paseo do río. Ó igual que na outra marxe fluvial, instalaranse luminarias de baixo consumo que van empotradas no muro, e realizarase a condución soterrada de todo o cableado.
Nas declaracións realizadas polos dous mandatarios ambos destacaron a colaboración institucional entre as dúas administracións, colaboración que, entre outras cousas, permite a achega de financiamento para manter os efectivos do parque de bombeiros ata que en outubro comece a funcionar dentro do Consorcio Provincial. O Presidente da Deputación tamén anunciou que levará unha proposta ó pleno que celebrarán o vindeiro martes na que se defende a posición de Monforte como entrada e saída do tráfico ferroviario de mercadorias en Galicia.
Antes de abandonar Monforte, o Presidente da Deputación de Lugo visitou as instalacións do parque de bombeiros, instalacións que serán reformadas cunha aportación de 70.000 euros.