O Alcalde entrevistarase mañá xoves en Santiago, ás 10:00 da mañá, coa voceira do BNG, Ana Pontón, e ás 12:30 h. co voceiro do PSOE, Abel Losada. O vindeiro martes día 24 de xullo fará o propio co voceiro do PP, Pedro Puy, con quen manterá un encontró ás 13:00 horas.
Estas entrevistas, que se celebrarán no Parlamento de Galicia, foron solicitadas polo Alcalde a finais da pasada semana co obxecto de lograr os máximos apoios á proposta da Comisión Europea referente á Rede Transeuropea de Transportes. Severino Rodríguez pretende reforzar a elección de Monforte como Nodo Loxístico, así como o establecemento da Rede Básica de Mercadorías no trazado León-Monforte de Lemos-Ourense-Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña.
A celebración destas entrevistas dalle continuidade ás accións que está levando a cabo o Alcalde coa finalidade de que o Nodo Loxístico monfortino sea a porta de entrada e saída do transporte ferroviario de mercadorías coa Meseta.
Na carta que o Alcalde enviou ós voceiros/as dos grupos parlamentarios solicitando manter estes encontros, explicaba que, “coa definición dese Nodo Loxístico e coa conexión da Plataforma Loxística de Monforte de Lemos coa N-120 e o Corredor Sarria–Monforte, así como a concreción do trazado da Rede Básica de Mercadorias por Monforte de Lemos, o noso Concello convertiríase na principial porta de entrada e saída de Mercadorías cara a Meseta Central e Europa”.
Severino Rodríguez tamén incidía na súa comunicación en que a confirmación deste proxecto “suporía, ademais de creación de emprego, un gran avance para as empresas en termos de eficiencia económica e de competitividade”.
A proposta que o Alcalde trasladará ós voceiros/as dos tres grupos políticos consiste en instar á Xunta de Galicia a que, despois de manifestar o apoio ás infraestruturas citadas, realice as xestións oportunas para que a Unión Europea inclúa as mesmas, de maneira definitiva, na Rede Transeuropea de Transportes, convertindo a Monforte de Lemos en Nodo Loxístico e porta de entrada e saída de mercadorías.
O Alcalde agradece a premura coa que os voceiros/as parlamentarios responderon á súa solicitude de entrevistas para abordar unha cuestión de vital importancia e que precisa dos maiores apoios posibles.