O Concello solicitará á Consellería de Traballo e Benestar a realización de tres cursos AFD (antigo Plan FIP) dirixidos á formación de desempregados/as.
Os cursos que solicitará o Concello de Monforte son os de:
- Auxiliar de enfermería en xeriatría (318 horas lectivas)
- Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (468 horas lectivas)
- Promoción turística local e atención ó visitante (708 horas lectivas)
A solicitude faise para 15 alumnos/as en cada un dos cursos. A selección de alumnos/as para estes curso realizarase entre candidatos/as enviados/as polo Servizo Público de Emprego de Galicia, co cal as persoas interesadas en participar en calquera destas accións formativas teñen que estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e manifestar o seu interese en participar nos devanditos cursos.
Tódolos cursos teñen módulos de prácticas formativas en empresas, co cal os alumnos/as aprenderán a aplicar os coñecementos teóricos adquiridos durante o curso en situacións similares ás de traballo real.
O curso de Auxiliar de Enfermería en Xeriatría impartirase nos locais homologados do Obradoiro de Emprego da Pinguela. O Concello solicitará que os outros dous cursos se impartan en aulas do Edificio Multiusos, motivo polo que deberá iniciar o proceso para que a Consellería de Traballo e Benestar homologue as citadas aulas co obxecto de impartir estas accións formativas. Ó mesmo tempo, o Concello pretende homologar novas dependencias para impartir cursos correspondentes a sucesivas anualidades.
A solicitude destes cursos amplía as actuacións encamiñadas á creación e fomento do emprego que o goberno municial ven desenvolvendo nas derradeiras datas, accións que podemos resumir na apertura dunha oficina nas Casiñas da Compañía, a contratación dun Axente de Emprego e Desenvolvemento Local, e a solicitude da subvención para a contratación dun/dunha orientador/a laboral, en base á orde da Consellería de Traballo e Benestar do 30 de decembro de 2011, publicada no DOG o 11/01/2012.
A realización de cursos amplía a formación dos desempregados/as e incrementa as súas posibilidades de inserción no mundo laboral.