A Comisión de Seguimento do proxecto “Ampliación e mellora do sistema de tratamento de auga potable de Monforte de Lemos”, reuniuse esta mañá na Casa do Concello da nosa cidade coa asisitencia de representantes das tres institucións que promoven esta importante actuación.
As xuntanzas da Comisión de Seguimento mantéñense con certa periodicidade, tal e como recolle o convenio subscrito entre Augas de Galicia, a Xunta de Galicia e o Concello de Monforte, coa Sociedad Estatal de Aguas de las Cuencas del Norte, S.A.
Os integrantes da Comisión de Seguimento constataron que se cumpren os prazos marcados e que se completou o proceso de expropiación e ocupación de terreos, dando así por rematados os trámites administrativos.
As previsións da Comisión de Seguimento son que na primeira quincena do vindeiro mes de xuño se inicien as obras de execución do proxecto que dotará a Monforte dun novo sistema de tratamento de auga potable.
A primeira actuación consistirá na construción dun novo vial de acceso ós terreos onde se ubicará a potabilizadora, estrada que será utilizada para o traslado da maquinaria e do material necesarios para a execución das obras e que, cando rematen estas, convertirase no vial de acceso ás instalacións da potabilizadora. Unha vez construída a estrada comezarán os movementos de terras e o desmonte da zona onde se executará o proxecto da nova potabilizadora monfortina.
As obras que contempla o citado proxecto son as seguintes:
- Construción dunha nova ETAP en Ribasaltas: capacidade 200 l/s.
- Construción dun novo depósito en Ribasaltas: capacidade 3.500 m3.
- Novo bombeo en Ribasaltas: caudal de 200 l/s.
- Nova condución de impulsión entre a ETAP de Ribasaltas e o depósito do Cornado.
- Mellora de conexións en depósitos de San Vicente: instalación de válvulas de control automático de enchido.
- Regulación no depósito de Piñeira: istalación dunha válvula para regulación do nivel do depósito.
O custe total da actuación ascende a 5.400.000 euros.