Os Escolapios gañan o Premio de Medio Ambiente para centros escolares

O tribunal do Premio de Medio Ambiente para centros escolares reuniuse esta mañá na Casa do Concello e avaliou os traballos presentados ó concurso convocado polo Concello de Monforte. 

 

O tribunal, presidido pola concelleira de educación e cultura, Pilar López, e no que actuaron como vogais Consuelo Rivas Reboreda, técnica de ECOEMBES en Galicia, Germán Fernández Freire, xerente de ECOVIDRIO en Galicia, Pedro Gómez Álvarez, inspector de educación do departamento territorial de Lugo, e Enrique López González, xefe de servizo de FCC en Monforte, decantouse polo traballo presentado polo colexio dos P.P. Escolapios. 

 

A maqueta presentada por este colexio representa o edificio no que desenvolve a súa actividade docente, e obtivo unha valoración de 168 puntos. A maqueta do colexio Ferroviario, que tamén reproduce o edificio do seu centro, obtivo 165 puntos. O traballo do colexio A Gándara representa a ponte vella e logrou 146 puntos, mentres que o do Infanta Helena, que tamén reproducía a ponte vella, obtivo 141 puntos de valoración.

 

Cada un dos integrantes do tribunal valorou entre 0 e 10 puntos os seguintes apartados de cada un dos traballos presentados:

  • Contidos e tratamento de sustentabilidade
  • Mensaxe didáctica final
  • Estética
  • Orixinalidade  
  •  

As maquetas debían realizarse, como mínimo, con tres elementos de reciclaxe (latas, botellas, tetrabrik, papel/cartón, bolsas, etc). Finalmente, os traballos presentados a este Premio de Medio Ambiente empregaron múltiples materiais: cartón. tetrabriks, ceras, afiaduras de lapis e ceras, serrín, plástico, area, pedras, xiz, papel, latas e vidro.

 

Cada traballo acompañouse dun texto ou narración explicativa sobre o monumento representado, ademais de por un título, unha mensaxe didáctica final a modo de lema ou slogan, e a relación dos materiais empregados na elaboración da maqueta.

 

O lema do traballo presentado polo colexio Escolapios foi “Reciclar para construír e manter”; o do colexio Ferroviario “Bos tratos á natureza, adeus á tristeza. Bos tratos, bos ratos”; o do colexio A Gándara “A nosa vella ponte, coidémola”; e o do Infanta Helena “Reciclar é vida”.

 

Tódolos centros participantes no concurso recibirán un lote de material escolar e deportivo e os seus traballos serán expostos na Casa da Cultura de Monforte entre os días 28 e 31 de maio, e no Edificio Multiusos entre os días 1 e 7 de xuño.

 

A maqueta gañadora do concurso exporase no Recinto Ferial de Madrid (IFEMA) durante a celebración da Feria Internacional del Urbanismo y del Medio Ambiente.

 

O vindeiro xoves día 31 de maio, ás 12:00 h. na Casa do Concello, realizarase o acto de entrega de premios coa presenza do Alcalde e de representantes dos centros participantes.

 

Os 600 euros que recibirá o colexio gañador deberán ser destinados a sufragar algunha actividade relacionada co medio ambiente.