Arranca a XV Feira do Libro de Monforte co pregón de Ruíz Aldereguía

A XV Feira do Libro de Monforte de Lemos inaugurouse onte, ás sete e media da tarde na rúa do Cardeal, co pregón de Francisco Ruíz Aldereguía.

 

No acto de apertura desta cita co mundo literario, Francisco Ruíz estivo acompañado polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, pola concelleira de Cultura, Pilar López, pola presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e por membros da Corporación Municipal e da Federación de Libreiros.

 

Na súa intervención, Pilar Rodríguez falou da intromisión e da competencia desleal que padecen os libreiros, do esforzo do sector por adaptarse ós novos tempos e da importancia do libro e das feiras que o sacan á rúa.

 

O Alcalde fixo unha semblanza do pregoeiro, lembrou a súa obra sobre o románico na Ribeira Sacra, destacou a importancia que ten para a cidade a celebración deste evento cultural e confirmou que o próximo ano volverá haber Feira do Libro en Monforte.

 

Francisco Ruíz centrou o seu pregón na importancia que ten o libro para a formación das persoas, falou do baixo índice de lectura que se rexistra en España fronte ó que se rexistra nos países do norte de Europa, e destacou o elevado número de títulos que se editan anualmente en todo o Estado.

 

Ruíz Aldereguía dixo que as escusas que habitualmente se dan para xustificar o feito de non ler baséanse na falta de tempo e no prezo dos libros, razoamentos ós que contrapuxo tódalas horas que pasamos diante da televisión e o impagable valor dun bo libro. Falou da TV como un medio quente que non nos esixe esforzo pero que tampouco nos aporta nada, fronte ó libro como un medio frío que nos fai pensar, que nos fai libres e que nos deixa grandes aportacións.

 

No acto de inauguración actuou a Banda de Gaitas do Concello de Monforte e, posteriormente, integrantes da asociación soberina “O Colado do Vento” presentaron o libro “Un pouquiño de tradición oral no concello de Sober III”, presentación que estivo acompañada de actuacións musicais e realatos en vivo.

 

A Feira, na que participan catro libreiros, prolongarase ata o sábado día 25 de agosto e ofrecerá un 10% de desconto no prezo dos libros, sendo os horarios das casetas dos libreiros de 11:00 a 14.00 h. polas mañás e de 18:00 a 22 h. polas tardes.

 

A Feira, na presente edición, está organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e o Concello de Monforte de Lemos e conta coa colaboración da Deputación de Lugo –Vicepresidencia Primeira.

 

En documentos adxuntos figuran o programa completo de actividades da XV Feira do Libro e extractos das intervencións realizadas no acto inaugural.

Archivos Adjuntos: