Monforte foi sede do Cumio do Eixo Atlántico onde se acadou un histórico acordo para a modernización da liña ferroviaria do Miño.
Tanto o presidente do Eixo Atlántico, José Maria Costa, como o conselleiro de Infraestruturas en funcións, Agustín Hernández, tildaron de “excelente resultado e magníficas noticias” os acordos do Cumio celebrado na nosa cidadel.
Os asistentes ó Cumio afirmaron que o tren Vigo-Oporto “comeza a saír do túnel”, tras coñecer o compromiso dos responsables ferroviarios dos gobernos de España e Portugal de solicitar fondos comunitarios extraordinarios para a modernización da liña entre Oporto e Vigo, fondos que a Comisión Europea abrirá en breve para proxectos a executar entre 2013 e 2014.
O responsable europeo das redes transnacionais, o italiano Carlo de Grandis, coñeceu en primeira persoa esta candidatura e manifestou inicialmente a súa elixibilidade.
Igualmente, na reunión trasladouse á Comisión Europea a existencia dun consenso máximo para que no próximo período de programación de fondos comunitarios, 2014-2020, financien as conclusións das obras que permitirán recorrer a distancia entre Oporto e Vigo en menos da metade do tempo actual. Na reunión tamén se acordou solicitar que a próxima Cumbre Ibérica debata unha proposta conxunta que dea solución ó ancho de vía e ó problema das diferentes tensións eléctricas existentes en ambos países.
Por último, constatouse a existencia de partidas a tal fin nos presupostos de Portugal e de España, o que garante o cumprimento do mandato da Cumbre Ibérica en canto ós prazos previstos para a electrificación e sinalización dos tramos pendentes.
Todos estes aspectos serán obxecto de debate na reunión que os Secretarios de Estado de Obras Públicas, Transportes e Comunicacións de Portugal, e de Infraestructuras, Transporte y Vivienda de España mantenrán o próximo día 16 de novembro.
Agustín Hernández tamén amosou a súa satisfacción polo cumprimento dos prazos para a implantación do billete único, o compromiso do goberno portugués para realizar en dúas fases a electrificación da liña cara á fronteira e para mellorar a infraestrutura co obxecto de poder acadar velocidades comerciais.
O alcalde de Monforte destacou a importancia deste Cumio e das decisións que nel se tomaron, salientando que a liña Oporto-Vigo resulta fundamental para o porto seco en canto achega os portos marítimos portugeueses á plataforma loxística monfortina.
A este Cumio tamén asistiron a Deputación de Pontevedra, a CCDR-N, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, Aiminho (Asociación de Industriais do Minho) e a AIP, a Asociación Industrial de Portugal.