Programa de actos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza diversas actividades co obxecto de conmemorar o “Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero”, data que se celebra o 25 de novembro.

 

A concelleira, Ana Casal, destaca que o Centro de Información á Muller traballa con moitas mulleres ó longo de todo o ano, aínda que para a poboación en xeral se faga máis visible en datas sinaladas como a do día 25 de novembro. A responsable de Igualdade salienta que o CIM é un lugar de acollida onde traballa persoal especializado que presta atención xurídica e psicolóxica a tódalas mulleres que o soliciten.

 

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Ana Casal fai públicos algúns datos sobre o traballo do CIM e a problemática da violencia contra as mulleres en Monforte. Destaca que o CIM atendeu 1.987 consultas durante o primeiro semestre do ano en curso, das cales 1.094 foron relativas á atención xurídica, 409 á atención psicolóxica, 143 a temas relacionados co emprego, 13 sobre información da Secretaría Xeral de Igualdade, e 328 referidas a recursos e programas específicos para as mulleres.

 

Se comparamos estes datos cos do primeiro semestre do ano pasado observamos considerables incrementos no número dalgunhas das consultas realizadas no CIM. Deste xeito, as referidas a recursos e programas específicos para mulleres medraron nun 761 %, as que atinguen á atención psicolóxica nun 75 %, e as que respectan á atención xurídica nun 50 %. Nestes primeiros seis meses do ano en curso tamén se rexistrou un notable incremento do número total de consultas, un 74 % máis que no primeiro semestre do 2011, pasando de 1.140 no 2011 a 1.987 no 2012. O número total de consultas atendidas polo CIM no ano 2011 alcanzou a cifra de 3.012 consultas.

 

No que respecta ós casos de violencia de xénero, a concelleira de Igualdade manifesta que o CIM atendeu, nos dez primeiros meses do ano en curso, 36 casos novos. Ademáis o CIM continúa co seguimento dos casos de violencia de xénero xurdidos en anos anteriores, casos que ascenderon a 32 no ano 2010 e a 44 no ano 2011.

 

Ana Casal sinala que cada día hai máis denuncias,  máis información e medios para realizalas, pero que aínda queda moito por facer.

 

En canto ós actos programados para conmemorar o 25 de novembro, continúan na mesma liña de anos anteriores e con eles búscase chegar a tódolos sectores da poboación. Programáronse actividades para a xente máis nova, un encontro de profesionais, e actos na rúa para darlle unha maior visibilidade á problemática da violencia contra as mulleres.

 

O lema baixo o que se organizan as actividades do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero é “O que digas, que non o leve o vento”.

 

Ana Casal invita a toda a cidadanía a participar nas actividades, especialmente as programadas para o día 24 de novembro na rúa do Cardeal..

 

Estas actividades están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia, contando tamén coa colaboración dos/das asociados/as do Centro Comercial Urbano.

 

O programa de actos organizados durante todo este mes para conmemorar a data do 25 de novembro poden consultalo no documento adxunto a esta información.