O Alcalde sinala que os eventos non son un gasto, son unha inversión

O Alcalde volveu comparecer en rolda de prensa para continuar rebatendo o que el considera “as mentiras nas que se fundamenta a moción presentada polo Partido Popular sobre o sobrecusto da contratación de empresas externas”.

 

Severino Rodríguez dixo que “non me molesta que o PP presente mocións, como dí a voceira popular, iso é bo e lóxico dentro da normalidade democrática, o que me molesta é que as fundamente na distorsión da realidade, que as fundamente en falsidades”.

 

Para o rexedor monfortino este asunto non é un debate político, nin unha contraposición de ideas, este asunto é unha constatación de datos obxectivos que ademáis son públicos. Segundo comentou “o PP non analiza as facturas, senón que terxiversa datos, realidades e conceptos”.

 

Rodríguez comentou que os populares tiñan mala intención ó dicir que non se contrataba estes servizos con empresas de Monforte porque, segundo salientou “nin se cobran inscricións pola carreira popular, nin hai na cidade empresas especializadas no control de pombas, no mantemento de parques infantís ou na organización de eventos deportivos. Se as coñece que o diga”.

 

Para o Alcalde, o PP sempre se queixa, “se reducimos o gasto é que antes gastábamos moito, se non o facemos é que somos uns derrochadores”, comentou, para despois aclarar que do ano pasado a este moitas empresas fan un gran esforzo para rebaixar prezos debido á situación de crise e á ausencia de negocio.

 

Severino Rodríguez dixo que o goberno municipal non tiña nada que xustificar, e que tódalas administracións tiñan carencia de persoal e contrataban servizos con empresas externas. O Alcalde engadiu que a voceira do PP fala continuamente, e nesta moción tamén, do control do gasto corrente e da externalización de servizos, polo que habería que preguntarlle “¿Qué lle parece á Sra. Julia Rodríguez que o goberno da Xunta triplique no ano 2013 o gasto corrente da Cidade da Cultura dedicando 3,5 milóns de euros de tódolos galegos a pagar luz, auga, limpeza e calefacción do Gaiás? ¿Qué lle parece á Sra. Julia Rodríguez que a Xunta gastase 10 millóns de euros en dous anos en asesorías externas e consultores?

 

O rexedor monfortino considera que a voceira do PP “cada vez que critica ó goberno municipal está lavando a súa conciencia porque o campión das privatizacións é o Partido Popular.

 

O Alcalde pensa que a voceira do PP fai ben en pedirlle responsabilidade, pero que ela tamén debería mostrar esa responsabilidade no seu cargo político, preguntándose “ademáis de votar a favor das abusivas taxas xudiciais ¿Qué máis fixo por Monforte? ¿Qué vai facer nas cuestións estratéxicas como o porto seco ou a depuradora? ¿Que vai facer para que nos orzamentos da Xunta e do Estado apareza diñeiro para Monforte?

 

En canto á Oficina de Rehabilitación, Severino Rodríguez lembrou que na negociación do Plan de Axuste a voceira do PP planteou a súa desaparición e que agora di que pode xestionarse cun só técnico. O Alcalde destacou que se tiñan asinado oito convenios de rehabilitación por un valor de 4.465.458 € (750 millóns de pesetas), o que motivou un gran número de actuacións na recuperación de inmobles do casco histórico, o que propiciou que moitas empresas de Monforte fixesen eses traballos, que moitos arquitectos realizasen eses proxectos, que moitos empresarios vendesen os materiais de construción para facer as obras, e que moita xente poidese rehabilitar as súas vivendas, considerando que a cidade non sería a mesma sen o traballo realizado na Oficina de Rehabilitación.

 

Por último, Severino Rodríguez manifestou que o Concello continuará facendo actividades con persoal municipal e que aquelas que non poidan realizarse con este persoal continuarán facéndose con empresas externas.

 

Para o Alcalde moitos eventos e servizos plantéanse como unha inversión de promoción da cidade e de dinamización da súa vida económica. O Concello gasta un diñeiro que logo revirte na cidade a través do comercio e da hostalería.

 

Paseos en barca, Festa do Río, carreira popular, son actividades que teñen un custo para o Concello pero que son fundamentais para a difusión de Monforte e para a atracción de visitantes que dinamizan a actividade económica da cidade.