O Concello e Cáritas asinan un convenio de colaboración

Esta mañá o Alcalde asinou con Cáritas un convenio de colaboración mediante o cal o Concello aportará 20.000 euros para contribuír o labor que desenvolve en Monforte esta asociación solidaria coas persoas máis necesitadas.

 

O establecemento do convenio foi unha proposta realizada polo Alcalde nunha reunión, solicitada por el mesmo, que tiña como finalidade coñecer de primeira man como estaba afectando a actual situación de crise económica e desemprego á sociedade monfortina, cales eran as demandas de carácter solidario que estaba recibindo Cáritas, e de que maneira o Concello podería incrementar a colaboración con Cáritas para axudar ós colectivos máis desfavorecidos.

 

Froito da reunión celebrada a fins do mes de xaneiro, á que tamén asistiron a concelleira de Benestar Social, Pilar López, e persoal dos Servizos Sociais Municipais, xurdiron outros dous acordos que foron efectivos en breve espazo de tempo: a convocatoria dunha xuntanza entre representantes de Cáritas, do Concello, do CCU e das grandes superficies comerciais de Monforte co ánimo de atopar vías de colaboración que desembocasen na achega de alimentos ós colectivos máis desfavorecidos da cidade, e  xestionar a dispoñibilidade dun local céntrico que é utilizado dende hai meses por Cáritas como almacén.

 

Cáritas de Monforte é unha agrupación moi activa na axuda ás familias e ás persoas con problemas económicos e de subsistencia, unha intensa actividade que converte ós integrantes deste colectivo en fondos coñecedores da situación e de cómo debe enfocarse a loita contra a exclusión social das persoas máis desfavorecidas.

 

O alcalde e os membros do goberno municipal, convencidos do valor da solidariedade como un dos piares da acción de goberno, consideran que a mellor forma de enfrontar estes tempos difíciles é colaborando e apoiando o esforzo e a acción diaria de tódalas asociacións que están fortemente implicadas nesta dura loita.