O alcalde, Severino Rodríguez, entrevistouse esta mañá co director do Parador de Monforte, Santiago Carrera, coa intención de coñecer como van afectar as medidas que adoptará a dirección de Paradores tanto ós traballadores/as como ó propio funcionamento do Parador da nosa cidade.
Santiago Carrera manifestoulle que non tiña coñecemento, a nivel oficial, do alcance destas medidas nin de como afectarían ó funcionamento e ó cadro de persoal do Parador de San Vicente do Pino.
Severino Rodríguez, diante da ausencia de información oficial, adoptará varias iniciativas. En primeiro lugar, dirixirá unha carta á presidenta conselleira delegada de Paradores, Ángeles Alarcó, solicitando unha entrevista na que se lle informe sobre a incidencia do proceso de reestruturación no Parador de Monforte.
Ó mesmo tempo, o alcalde contactará con deputados galegos das tres forzas políticas no parlamento do Estado para que, de forma conxunta, soliciten a comparecencia do ministro de Industria, Energía e Turismo, José Manuel Soria, para que explique na cámara como van afectar as medidas ós Paradores galegos. A terceira iniciativa será a presentación dunha proposta ó Pleno da Corporación na que se solicitará que o Parador de Monforte permaneza aberto durante o mesmo período de tempo que na actualidade, e que se manteñan os postos de traballo existentes a día de hoxe.
Lembramos que a dirección de Paradores de Turismo presentou un plan de medidas destinadas a asegurar a supervivencia da compañía e que implican unha forte reestruturación do seu cadro de persoal,
O plan inicial da dirección de Paradores supón a extinción de 644 postos de traballo (aproximadamente o 14 % da plantilla), afectando tanto ós establecementos hoteleiros como ós servizos centrais da compañía.
Severino Rodríguez considera que o Parador é un establecemento hoteleiro de referencia no sur de Lugo, situado na segunda cidade da provincia e capital da Ribeira Sacra, así como eixo fundamental na promoción turística e na difusión dun territorio con amplas posibilidades turísticas.