Inaugurado o Espazo Gastronómico da Praza de Abastos

O Espazo Gastronómico da Praza de Abastos inaugurouse onte luns baixo a dirección de Damián Novoa Seijas, un profesional que xa leva percorrido un longo camiño de experiencias por distintos países de Europa, traballando na restauración e participando en concursos do máis alto nivel.

 

Ó acto, ademais de numeroso público, asistiron autoridades locais, da comarca e da provincia, caso do vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, os presidentes do Consorcio de Turismo e do Consello Regulador da D. O. Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto e José Manuel Rodríguez, respectivamente, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e concelleiros/as da corporación municipal.

 

Formado na Escola de hostalería de Vilamarín, Ourense, e posteriormente na  Escola de Hostalería e Turismo de Santiago de Compostela, Damián Novoa faise cargo da xerencia do Espazo Gastronómico da Praza de Abastos de Monforte de Lemos, coa ilusión de atraer a un público esixente, bo entendedor e con interese en probar “as cousas de sempre, pero elaboradas con cariño e profesionalidade”

 

Deseñou para elo unha oferta gastronómica partindo dos produtos da comarca e de Galicia, como base de tódolos pratos, que se ofertará pensando no deleite e no pracer gastronómico.

 

Damián é ademais un experto BARISTA, unprofesional especializado no café de alta calidade, que traballa creando novas e diferentes bebidas baseadas nel, usando varios tipos de leites, esencias e licores. Recentemente recibiu o premio ó MELLOR ESPRESSO, no VII Campionato de España de Baristas celebrado en Barcelona.

 

Nos documentos adxuntos poden escoitar diferentes valoracións sobre o Espazo Gastronómico e o proxecto de remodelación da Praza de Abastos.

 

Archivos Adjuntos: