O grupo de goberno rexistrou unha moción solicitando o compromiso do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad con respecto ó cofinanciamento da Teleasistencia Domiciliaria.
Esta moción, que será debatida no próximo pleno ordinario que celebre a Corporación Municipal, súmase a outra proposta en defensa do Parador de San Vicente do Pino rexistrada a pasada semana polo goberno municipal.
A partida destinada ó Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad nos Orzamentos Xerais do Estado non recolle o mantemento do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria a través da achega do 65 por cento do seu custo. Diante deste novo recorte, o grupo municipal do BNG reclama nesta proposta que o citado Ministerio rectifique a súa decisión e volva dotar de financiamento o mencionado servizo. Ó mesmo tempo, insta á Xunta de Galicia a que, no caso de que o Ministerio persista na súa negativa, habilite unha partida dedicada a este servizo nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para 2013, comprometéndose a aportar a mesma porcentaxe que ata o de agora achegaba o Ministerio.
Na moción explícase que este novo recorte pon en risco a continuidade dun servizo esencial para as persoas maiores que viven soas, persoas que no concello de Monforte ascenden actualmente a 94 usuarios/as. Tamén se cualifíca a Teleasistencia Domiciliaria como un servizo prioritario para as persoas máis vulnerables, e como unha peza fundamental para o benestar das persoas maiores que viven soas, moitas delas en núcleos rurais e lonxe dos centros de saúde ou hospitais.
En documentos adxuntos achégase o texto íntegro das mocións presentadas polo grupo de goberno sobre a Teleasistencia Domiciliaria e o Prador de San Vicente do Pino.