O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, en representación da área de Turismo do organismo provincial, presentou esta mañá en Monforte a nova páxina web dedicada ó sector económico relacionado coa actividade turística.
Antonio Veiga agradeceu a presenza do alcalde, Severino Rodríguez, e das persoas relacionadas con este sector (hostalería, establecementos hoteleiros, adegas, Consello Regulador…) que asistiron ó acto, desculpando a ausencia do responsable de turismo, Mario Outeiro, debido ás súas ocupacións como concelleiro.
Veiga dixo que a nova web estaba pensada e dirixida a todo o sector turístico, incidindo na súa faceta como portal de vendas e de promoción dos diferentes establecementos da provincia.
O responsable do deseño da páxina, Manuel Pan, foi o encargado de detallar as súas características, comezando por comentar que ata o día 11 de xaneiro estarían recibindo as achegas dos empresarios para que, o día 12 dese mes, a web estivese operativa.
Sinalou que con esta páxina a Deputación puña a disposición do sector unha ferramenta para posicionar a marca Lugo, e que a web estaba adaptada ós novos xeodestinos turísticos.
Manuel Pan destacou que a web contaría, por primeira vez, cun directorio de empresas do sector no que figurarían todas aquelas que están dadas de alta no REAT, rexistro de empresas de turismo. Por outra banda, comentou que a web recollería as “experiencias” ou ofertas de tódolos ámbitos do sector co obxecto de comercializar os diferentes productos.
O responsable do deseño da páxina indicou que esta contaría cun buscador de establecementos e de “experiencias” como parte fundamental da súaconfiuración. Tamén dixo que as propostas das diferentes empresas turísticas deberían canalizarse a través de asociacións ou consorcios, e non de xeito individual.
Ademais, a páxina recollerá contidos en video relacionados co camiño de Santiago, rutas turísticas, lugares de interese, etc…, facéndoa máis atractiva e moi visual. Segundo comentou Manuel Pan, as redes sociais xogarán un gran papel na difusión dos contidos da web, garantindo o investimento da Deputación tanto nestas redes como naquelas máis específicas relacionadas co turismo.
As empresas do sector serán as encargadas de manter viva a páxina coas súas achegas e ofertas.