Presentada unha moción sobre a exclusión da Ribeira Sacra da promoción turística “Vive Galicia”

Tal e como anunciara o Alcalde, o grupo municipal do BNG presentou o xoves día 20 de decembro unha moción na que solicita explicacións á Xunta de Galicia diante da exclusión da Ribeira Sacra da campaña de promoción “Vive Galicia”. A moción tamén esixe que se solucione esta anómala situación e que se inclúa á Ribeira Sacra na citada promoción “co protagonismo que merece”.

 

Ademais, a proposta incide na marxinación dos catro xeodestinos da provincia de Lugo, que só se beneficiarán dun 4 % do custo dunha campaña que ronda os 307.000 euros.

 

Severino Rodríguez tamén se dirixiu ó presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, o mesmo xoves día 20, solicitando unha reunión urxente coa finalidade de analizar esta cuestión e adoptar as medidas que se estimen oportunas.

 

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., coñecida como TURGALICIA, depende da Secretaría Xeral para o Turismo que, á súa vez, está adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia.

 

A promoción “Vive Galicia” consiste en obsequiar ós gañadores/as con 1.878 premios repartidos entre 57 paquetes turísticos diferentes a desfrutar, na súa mayoría, entre o 15 de xaneiro e o 22 de marzo do ano 2013.

 

Estes paquetes repártense entre trece dos catorce xeodestinos existentes en Galicia, exceptuando a RIBEIRA SACRA, e cunha presenza case testimonial dos outros tres xeodestinos da provincia de Lugo.

 

Xúntase texto íntegro da moción e da carta dirixida ó presidente do Consorcio de Turismo.